·        As empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao pechan 2018 cun movemento de 13,68 millóns de toneladas de mercadorías

·        A institución supera tras un decembro de espectacular actividade o volume de cargas e descargas alcanzado en 2017

·        O bo comportamento do tráfico de graneis sólidos compensa o leve retroceso que experimentou o mercado dos líquidos

Ferrol, 8 de xaneiro de 2019

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao vén de pechar o segundo mellor exercicio da súa historia ao rexistrarse nas súas instalacións durante 2018 un tránsito de materias primas, materiais e produtos próximo aos 13,7 millóns de toneladas. O bo comportamento do tráfico de graneis sólidos compensou o leve retroceso experimentado no mercado dos líquidos e da mercadoría xeral. Conclúe así un ano marcado tamén pola apertura da primeira liña regular de buques portacontedores e polo avance experimentado nas obras para dotar ao porto exterior de Caneliñas dun acceso ferroviario.

As empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron en 2018 un total de 13.683.716 toneladas de mercadorías, segundo datos aínda provisionais. Como pode apreciarse no gráfico reproducido sobre estas liñas, esta cifra é un 20,4 % superior á media de actividade do presente século e supón un avance do 0,7 % respecto a 2017. De feito, sitúase soamente 0,2 puntos porcentuais por baixo do récord absoluto de 2012.

Con este balance, a Autoridade Portuaria cumpre sobradamente o obxectivo marcado na súa planificación estratéxica: acumular unha media mensual dun millón de toneladas transportadas nas súas dársenas. Con iso consolídase entre as catro principais institucións da súa clase da fachada noratlántica-cantábrica, xunto coas de Bilbao, Xixón e A Coruña.

Afiánzase nesa posición a pesar de arrincar o exercicio en números vermellos, con caídas da actividade en xaneiro e febreiro, respectivamente, do 35,6 e do 28,1 %. Encaixou retrocesos igualmente en maio (-8,4 %), agosto (-7,8%), setembro (-28,6%) e novembro (-17,2%). Na cara da moeda, marzo (+9,9%), abril (+40,8%), xuño (+24,2%), xullo (+35,7%), outubro (+41%) e decembro (+18,1%), este último o mes de maior movemento de 2018, con 1.515.356 toneladas estibadas e desestibadas. Os analistas prognosticaran para os últimos dous meses do ano unha desaceleración que ao cabo non se viu confirmada.

Neste éxito subxace a evolución favorable do segmento dos graneis sólidos: entre 2017 e 2018 as cargas e descargas pasaron de 10,45 a 10,75 millóns de toneladas; ou sexa, aumentaron un 2,8 %. No polo oposto, retrocedeu o movemento de mercadoría xeral, cunha baixada de 3,3 puntos porcentuais, e, sobre todo, o de graneis líquidos, cunha redución do 6,6 %. As toneladas de abastecementos avanzaron desde as 20.265 ata as 27.930.

Carbón e bauxita, líderes

O ranking de mercadorías de 2018 deixa ver a importancia que a enerxía e a metalurxia continúan tendo nos peiraos de Ferrol e San Cibrao. Porque esa clasificación lidéraa o carbón, con 4.730.790 toneladas movidas, seguido de preto pola bauxita, con 4.240.042. Xa a maior distancia, a táboa complétana nos seus postos nobres a alúmina (1.196.230 toneladas), o gas natural licuado (851.821), o fuel (451.461), a sosa cáustica (273.277), a chatarra (269.665), os aceites (244.233), a madeira (242.754) e o biodiésel (219.464). Fóra do top 10 sobresaen o aceiro, os compoñentes de aeroxeradores, o coque, o metanol, o cuarzo e o granito, o aluminio e o papel.

Entre os grandes tráficos, en termos relativos, as mellores evolucións preséntanas o metanol, o GNL, a bauxita e o coque, con subidas, respectivamente, do 16,3, o 12,3, o 11,8 e o 11,5 %.

No resto da estatística desagregada merecen mención destacada tamén os movementos de abonos, cun repunte do 148,4 %, e de aparellos, ferramentas e repostos, cun crecemento próximo aos 17 puntos porcentuais.

No balance do ano destaca igualmente o comportamento da pesca. De xaneiro a decembro pasaron polas instalacións da Autoridade Portuaria 239,82 toneladas de produto, fronte ás 219,41 rexistradas en 2017. Descenderon as capturas de crustáceos (de 18,93 a 13,34 toneladas) e de peixes (de 13,8 a 10,36), pero as de moluscos disparáronse un 15,8 %, ata alcanzar as 216,12 toneladas, cun valor, grosso modo, de 1,43 millóns de euros.

A importancia dos contedores

Así mesmo, os datos dispoñibles reflicten o peso específico que o tráfico de contedores está a adquirir. Grazas á entrada en servizo, o pasado 2 de xuño no porto exterior de Ferrol, da nova liña regular da naviera MacAndrews, o cómputo de toneladas cargadas e descargadas dentro de contedores en 2018 recolle unha cantidade (42.593) que multiplica por 19 a rexistrada en 2017 (2.235). Medida en TEU’s, a progresión foi de 455 a 4.390.

Das cifras tamén se deduce que 2018 foi un bo ano para o mercado de cruceiros, con practicamente o mesmo número de pasaxeiros recibidos que en 2017, a pesar das cancelacións de escalas debidas ao mal tempo: 27.708 fronte a 30.049. Os números, finalmente, revelan unha alza de 2,7 puntos porcentuais no tráfico de buques: 1.150 contra os 1.120 do ano anterior. Redondeando, un de cada dous grandes barcos recibidos nos peiraos de Ferrol e San Cibrao foi de carga xeral.

“Son uns moi bos números en termos xerais. O balance non pode ser máis que positivo. Estamos moi satisfeitos de poder contribuír á dinamización da economía nas áreas de influencia de Ferrol e A Mariña”, destaca, en alusión á actividade rexistrada en 2018, o presidente da Autoridade Portuaria.

Xa coa vista posta no futuro, José Manuel Vilariño apunta: “O noso principal reto é a diversificación de tráficos. Levamos anos traballando nesta liña, abríndonos ao agroforestal, aos tráficos ro- ro, aos conterizados, aos materiais de construción… Queremos pasar de ser un porto moi graneleiro a un porto cun maior peso da mercadoría xeral e dos produtos de maior valor engadido, sen descoidar o noso apoio a sectores tradicionais como son o enerxético, o metalúrxico e o naval, de tanta importancia para a zona. A entrada en servizo da terminal de contedores do porto exterior é un exemplo de froito desa política. […] Ademais, coa nova canle de Panamá están a cobrar importancia os tráficos nun Atlántico que cedera peso en favor do Pacífico; a nosa esperanza é poder captar parte desa nova actividade marítimo-económica”.

Referíndose ao ocorrido no exercicio recentemente terminado, Vilariño subliña ademais os progresos conseguidos na construción do acceso ferroviario a Caneliñas, que desde setembro de 2017 executa unha unión temporal de empresas por 72,5 millóns de euros máis IVE. No futuro túnel de entrada ao porto exterior xa foron escavados 1,3 dos 5,5 quilómetros de lonxitude proxectados.

O ritmo ao que se están desenvolvendo os traballos concorda co fixado no cronograma da actuación, o cal prevé para 2021 a entrada en funcionamento da liña. Na actualidade son 75 os operarios que traballan de forma directa nesta obra crave para o desenvolvemento das potencialidades da dársena de Caneliñas