Trátase dunha figura de planificación empresarial introducida no sistema portuario pola Lei 48/2003, do 26 de novembro “de réxime económico e prestación de servizos dos portos de interese xeral” que a regula no seu artigo 37.
O obxectivo do plan é establecer o modelo de desenvolvemento e a posición estratéxica que a Autoridade Portuaria adoptará durante o período de vixencia do plan.
Para a definición do primeiro, é fundamental reflexionar sobre a MISIÓN da Autoridade Portuaria, ou, noutras palabras, a razón de ser da entidade.
Para definir a posición estratéxica deberíase reflexionar sobre a VISIÓN da Autoridade Portuaria, é dicir, o xeito co que se pretende cumprir a misión que ten encomendada.
Definidas a misión e visión da Autoridade Portuaria, e coñecida a situación de partida (análise e diagnóstico da situación actual) pódense definir as liñas estratéxicas que deben rexer as accións da Autoridade Portuaria durante a vixencia do plan. Para cada unha destas liñas deben definirse os obxectivos. Os obxectivos alcanzaranse a través dunha serie de accións que deben ser debidamente planificadas e programadas no tempo (plan de acción).
Fases do plan
En coherencia co anterior, o plan estratéxico desenvolve as seguintes fases:
. FASE 1: definición do cadro de referencia: misión e visión.
. FASE 2: Diagnóstico da situación actual: clientes, mercado, contorna, etc.
. FASE 3: xeración e selección das opcións estratéxicas.
. FASE 4: Preparación do Plan Estratéxico: posicionamento competitivo e plan de acción.
. FASE 5: implantación do Plan Estratéxico.
MISIÓN:
Contribuír nun contexto de máxima competitividade portuaria ao desenvolvemento económico e social da súa contorna de forma sostible, potenciando ao máximo as infraestruturas portuarias como as de conexión co seu hinterland, permitindo unha maior expansión do mesmo e aumentar a prestación de servizos de valor engadido a unha crecente variedade de tráficos.
VISIÓN:
A Autoridade Portuaria ten que afrontar o reto de liderar a comunidade portuaria no desenvolvemento industrial e económico das zonas nas que están localizados os portos, non só fortalecendo o tráfico actual, senón xerando tráficos novos, dando infraestruturas a nivel máximo e adaptando os servizos que dan resposta ás esixencias da competitividade portuaria para converterse nun destacado porto na fachada atlántica europea.
Principais conclusións e determinacións do plan vixente da APFSC
A análise do estado actual do plan corroborou a destacable preponderancia do tráfico exterior (93,4%) fronte ao de cabotaxe (6,6%), e da mercadoría desembarcada (87%) fronte á embarcada (13%), nos portos de Ferrol e San Cibrao. Tamén sinalar que o tráfico a granel sólido domina en ambos os dous portos, a pesar da tendencia cara ao crecemento da mercadoría en xeral no caso de Ferrol.
Fronte ao exposto, e analizadas as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades que se presentan para o porto nos próximos anos, a Autoridade Portuaria está a traballar na definición das accións necesarias para que o porto de Ferrol pase de ser un porto de carácter rexional, como é agora, a ser un porto de referencia no norte de España en 2015. Ao mesmo tempo se busca reforzar o papel do porto de San Cibrao como o motor da economía da Mariña Lucense.
Para iso, hai catro grandes áreas de acción:
I. Accións portuarias: entre as que se desenvolverán as novas infraestruturas (porto exterior), a reorientación das infraestruturas actuais (porto interior), o aumento da produtividade (mellora da loxística de almacenamento).
II. Accesibilidade, intermodalidade e servizos de loxística: que incluirán accións relacionadas cos accesos viarios e ferroviarios e o desenvolvemento de zonas de actividades loxísticas.
III. Xestión da autoridade portuaria: nesta área inclúense as accións de reorientación da xestión interna, a política de alianzas estratéxicas, as accións que buscan garantir a autosuficiencia económica, aquelas que buscan mellorar os tráficos actuais e diversificalos, etc.
IV. Relación coa contorna e sustentabilidade: incluíndo accións relacionadas co medio socioeconómico, o medio ambiente e a seguridade.
Para cada unha destas áreas, defínense unha serie de obxectivos operativos específicos que se clasifican pola súa importancia.
O plan estratéxico define un plan de acción, en mellora continua, no que se definen e programan no tempo as actuacións que a autoridade portuaria realizará para alcanzar os obxectivos operativos.
Conclusión
O desenvolvemento e mellora continua do plan estratéxico da Autoridade Portuaria consegue, ademais de cumprir os requisitos da Lei 48/2003, adquirir un instrumento de planificación que garanta a coherencia das súas actuacións nun horizonte a medio e longo prazo e a súa clara orientación cara ao obxectivo primordial de afianzar aos portos de Ferrol e San Cibrao como motores económicos das comarcas de Ferrolterra, Eume, Ortegal e A Mariña Lucense.