A ría de Ferrol ofreceu unhas magníficas condicións naturais para a vida marítima dende sempre. Diferentes referencias históricas dannos evidencia da próspera actividade naval que se desenvolveu na zona dende o tempo dos romanos ata a baixa Idade Media.
Durante a dinastía dos Austrias, Ferrol converteuse en base de apoio temporal da Armada pero non é ata a chegada dos Borbóns á Coroa de España cando se consolida como base naval permanente.
A construción do Arsenal da Armada comeza en 1750 e ó mesmo tempo vaise creando unha nova cidade detrás das instalacións militares para acoller á numerosa man de obra.
Ata ben entrado o século XIX o Porto de Ferrol tivo un carácter totalmente castrense. En 1910 créase a xunta de obras do porto para a ampliación da dársena co peirao de Curuxeiras, o adiantamento dos candís e o levantamento de novas instalacións.
A partir de 1984 iníciase a fase actual de expansión para a obtención de maiores calados, máis lonxitude de atraque e superficies de depósitos máis extensas. Nesta época constrúese o novo peirao, que lle confire un aspecto moderno ó porto e é a base para o seu desenvolvemento.
Os datos técnicos sobre a localización e as condicións naturais dos portos son unha información indispensable para calibrar as prestacións das zonas de atraque e configurar un plan de navegación. A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao ofrece unha táboa detallada coas características xerais dos seus portos e pon á disposición de clientes e usuarios o seu correo electrónico para calquera consulta.