A AUTORIDADE PORTUARIA ORGANIZA AS TERCEIRAS XORNADAS PORTO-EMPRESA PARA ABORDAR OS RETOS E OPORTUNIDADES DA DESCARBONIZACIÓN DO SISTEMA ENERXÉTICO
O evento celebrarase o martes, 28 de novembro, no CIS da Cabana e reunirá a membros de toda a comunidade portuaria, do tecido empresarial, así como a destacados representantes das administracións públicas
O marco regulatorio en enerxías renovables, a eólica offshore, ou o papel do hidróxeno verde, amónico e metanol no marco enerxético serán algúns dos temas que centren as mesas de análise
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, inaugurará o encontro acompañado polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e o presidente da APFSC, Francisco Barea
Ferrol, 23 de novembro de 2023
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao organiza a terceira edición das Xornadas Porto-Empresa que se celebrarán o próximo 28 de novembro no CIS da Cabana. Baixo o título Descarbonización do sistema enerxético, o encontro reunirá a representantes de toda a comunidade portuaria, destacados responsables das administracións públicas e do tecido empresarial do sector das renovables, no ámbito nacional e internacional, que analizarán os retos e oportunidades do novo contexto enerxético e o papel do sistema portuario, e en concreto do porto de Ferrol, como clave na descarbonización da economía. O evento contará cunha destacada representación do goberno galego. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, será o encargado de abrir unhas xornadas que clausurará o vicepresidente primeiro, Diego Calvo.
As xornadas responden ó empeño da Autoridade Portuaria de traballar pola colaboración coas distintas administracións, a universidade e o tecido empresarial para favorecer o impulso económico e social no norte de Galicia. Unha cooperación especialmente importante nun momento de incerteza polo contexto xeopolítico e económico actual. A edición deste ano adquire especial relevancia xa que pretende axudar aos distintos axentes implicados no proceso da descarbonización enerxética marcado pola Unión Europea para 2030. Un proceso, que se viu acelerado polos conflitos internacionais, e que supón a necesidade de buscar alternativas aos combustibles fósiles e acelerar a adaptación da industria ante un novo escenario enerxético no que os portos xogan un papel fundamental.
O encontro contará coa intervención do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que será o encargado de inaugurar as xornadas acompañado do alcalde de Ferrol, #José Manuel Rey Varela, e do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea. O acto de apertura terá lugar o vindeiro martes, ás 9:30 horas e dará paso ás cinco mesas de análises. A primeira delas centrarase no marco regulatorio das enerxías renovables e estará moderada polo director da Autoridade Portuaria, Jesús Casás. Na mesa intervirán expertos xuristas de firmas especializadas como Garrigues, Deloitte España e Herbert Smith Freehills, así como do Instituto Internacional de Dereito e Medio Ambiente.
O presidente de COFER, Cristobal Dobarro, encargarase de moderar a segunda mesa de debate centrada na eólica offshore. Un ámbito no que o porto de Ferrol situouse nunha posición de vangarda converténdose nun referente neste sector que abre novas posibilidades de desenvolvemento económico para Galicia. Nesta mesa intervirán os CEO de empresas punteiras no ámbito da eólica mariña como Sergio Vidal, da Asociación de Empresas do Sector Naval Público Ría de Ferrol; Rebeca Acebrón, CEO de Acebrón Group; Diego Méndez, director de Operacións de Nervión Naval Offshore, e José Ramón Franco, xerente do Grupo Intaf.
Hidróxeno, amoníaco e metanol verde no sistema enerxético é o título da terceira das mesas que estará moderada por Raúl Rodríguez, de TRESCA Enxeñería. Nela expoñeranse o futuro que se abre en Galicia con proxectos xa en marcha. Contará coa participación de representantes da Asociación Galega do Hidróxeno e de empresas como Ghenova Enxeñería. Nesta sesión intervirá tamén Iván Seoane, director técnico do proxecto Trskelion en Forestal do Atlántico e o director de Enerxía do Inega, Juan Ignacio Rodríguez.
A sesión de mañá vaina pechar a mesa sobre o almacenamento enerxético moderada polo catedrático de Economía Aplicada da UDC, Fernando González Laxe e na que participarán directivos de Retailgas, Norvento Enerxía, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e Iberdrola.
A xornada da tarde centrarase nunha mesa de análise que mira cara ao futuro e na que se analizarán as oportunidades que se abren en enerxías renovables. Un debate que contará coas exposicións de directivos de empresas punteiras como CT Enxeñeiros, EMSC Global Water, ELYTT Energy e Pérez Torres Marítima. Tamén participará nesta mesa o conselleiro para Asuntos Comerciais ante Nacións Unidas e a Organización Mundial do Comercio en Xenebra, Sergio Prieto. Todos eles moderados polo socio director de Lama e Asociados, Ricardo Pérez Lama.
As terceiras Xornadas Porto-Empresa, organizadas pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao serán clausuradas polo vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Diego Calvo, acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente do organismo portuario, Francisco Barea.