As empresas que operan nos portos de Ferrol e San Cibrao moveron no que vai de 2020 case 2,4 millóns de toneladas de mercancías, fronte ás algo máis de 3,5 rexistradas no arrinque de 2019.

Os mercados non afectados negativamente pola transición enerxética inician o exercicio cun moi bo comportamento no seu conxunto.

José Manuel Vilariño chama á cautela polo impacto que poida ter a crise do covid-19 na actividade e felicita aos traballadores da institución e a toda a comunidade portuaria pola labor que están levando a cabo para manter operativos os molles, como instalacións esenciais que son.

Ferrol, 2 de abril de 2020
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao pechou o primeiro trimestre de 2020 rexistrando nas súas instalacións un tránsito de materias primas, materiais e produtos próximo aos 2,4 millóns de toneladas. Este arrinque de ano empeora notablemente o de 2019 en termos absolutos. Porén, se da comparación entre exercicios se exclúe o tráfico de carbón, que cesou o verán pasado, resulta un incremento xeral da actividade de máis de 18 puntos porcentuais.

Segundo datos todavía provisionais, as empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron desde o 1 de xaneiro ata o 31 de marzo un total de 2.387.662 toneladas de mercancías, fronte ás 3.523.914 que consignaran en iguais datas de 2019. Tendo en conta o carbón descargado daquela (1.506.117 toneladas) e o desestibado agora (nada), o descenso é do 32,2 %; sen telo en conta, o ascenso é do 18,3 %. É dicir, aqueles tráficos non afectados negativamente pola transición enerxética están tendo un moi bon comportamento no seu conxunto.

En global, o tránsito de graneis sólidos alcanzou as 1.647.227 toneladas; o de líquidos, as 555.287; e o de mercancía xeral, as 182.391. O primeiro caeu un 43,6 % en comparación con 2019, mentres que o segundo e o terceiro subiron, respectivamente, un 43,6 e un 8,6 %.

O ránking de mercancías do primeiro trimestre lidérao a bauxita, con 1.204.123 toneladas movidas. Xa a moita maior distancia, a clasificación complétana nos seus dez primeiros postos a alúmina (332.596 toneladas), o gas natural licuado (198.511), o fuel (101.965), a chatarra (73.922), a sosa cáustica (72.168), os aceites (70.444), a madeira (69.609), o biodiésel (60.145) e o aceiro (50.092). A mercancía contenerizada alcanzou as 22.674 toneladas (2.055 TEUs) e, con iso, creceu outro 16,2 %.

“Na comparación co mesmo do ano pasado, este trimestre pagamos o cese das importacións de carbón, e seguiremos pagándoo en tódolos nosos balances mensuais ata xullo. Non obstante, é de sinalar o moi bo comportamento que están tendo en xeral o resto de tráficos, que en varios casos é excelente”, valorou o presidente da Autoridade Portuaria.

José Manuel Vilariño tamén expresou as súas cautelas polo impacto que poida ter na actividade da institución a crise do covid-19. “Quero aproveitar -concluíu- para felicitar aos traballadores da Autoridade Portuaria, que en circunstancias moi difíciles, uns desde os seus domicilios e outros presencialmente, están levando a cabo unha magnífica labor para que as nosas instalacións, como esenciis que son, continúen operativas a pesar das consecuencias da pandemia. Fago extensiva esta felicitación a toda a comunidade portuaria”.