O ministerio certifica que a operación “responde aos intereses xerais do Estado e á responsabilidade de conservación do seu patrimonio inmobiliario”.

O Porto aboará nos próximos días 203.836 euros polo inmoble, no marco do seu plan para poñer en valor a fachada marítima da cidade.

Ferrol, 15 de maio de 2020

O Ministerio de Facenda acaba de dar luz verde á venda, á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, do antigo edificio de Aduanas da cidade naval, que nestes momentos é propiedade do departamento de Interior. Unha vez recabado este plácet preceptivo, o organismo que preside José Manuel Vilariño procederá nos próximos días a adquirir o citado inmoble, para no futuro rehabilitarlo. Esta actuación contribuirá a poñer en valor a fachada marítima de Ferrol, xunto con outras dúas que se atopan en trámite: a recuperación da vella Comandancia Naval e a desafectación da Casa do Mar para que poida funcionar con usos turísticos.

 

Nun informe oficial recén emitido, Facenda avala a venda de Aduanas á Autoridade Portuaria. A xuízo do ministerio, esta operación “responde aos intereses xerais do Estado e á responsabilidade de conservación do patrimonio inmobiliario do mesmo”.

 

Nos próximos días, a Autoridade Portuaria formalizará a adquisición do inmoble por 203.836 euros. Ubicado na zona de Curuxeiras, trátase dun edificio de planta baixa e tres alturas cunha superficie construída de 701 metros cadrados. Hoxe visiblemente deteriorada, é unha edificación catalogada, con alto valor arquitectónico e afectada polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello.

Unha vez reformado integralmente, este edificio acollerá as dependencias máis vinculadas coa representación oficial da Autoridade Portuaria. Entre outras aplicacións que se están estudiando, podería aloxar unha sala de usos institucionais, o arquivo histórico e, abertos á cidadanía, un salón de actos e unha sala de exposicións.

Desta maneira, o inmoble onde agora se organizan as mostras pictóricas e fotográficas, no entorno da Ranita, poderá ser destinado a control de fronteiras, necesidade que se debe cubrir con instalacións adicionais ás xa existentes por mor da saída do Reino Unido da Unión Europea e da normativa de control de fronteiras que entrará en vigor en 2021.

A recuperación de Aduanas virá precedida pola rehabilitación da antiga Comandancia Naval. As obras neste último inmoble están xa dende antonte en fase de licitación. As construtoras interesadas en levalas a cabo teñen ata o 9 de xuño para formular as súas ofertas, cun orzamento máximo de 1.580.317,43 euros máis IVE e un prazo tope de execución de 21 meses.

Construída en 1931, a Comandancia integrarase coa actual sede da Autoridade Portuaria, dando así lugar a un único edificio con dous bloques que quedarán conectados polas súas plantas baixas e unidos polos seus semisotos. Solucionaranse desta maneira os problemas de espazo que ata a ata impediu dar resposta óptima ás necesidades de persoal e usos que teñen ido xurdindo co paso dos anos.

Entre outros traballos, o proxecto de rehabilitación da Comandancia inclúe baleirar o seu interior para executar unha nova estrutura, a mellora da accesibilidade, o cambio de carpinterías, o embelecemento da fachada, a substitución da cuberta de fibrocemento por unha acabada en zinc e a eliminación de volumes impropios adosados ao inmoble, como os da parte posterior e o situado sobre a lanterna orixinal.