Os tráficos interanuais apuntan a un peche de ano en termos similares aos do exercicio de 2023

A actividade rexistrada en marzo nos peiraos de Ferrol e San Cibrao contribúe a paliar un primeiro bimestre de intensa contracción

Ferrol, 18 de abril de 2024

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao pechou o primeiro trimestre do ano cun mellor comportamento dos tráficos no último mes tras un arranque marcado pola contracción da actividade. Un trimestre no que, ademais, o movemento nos peiraos foi variable en función do tipo de mercadoría, destacando o bo comportamento dos graneis sólidos mentres se produce un descenso tanto nos líquidos como na mercadoría xeral. Segundo os datos rexistrados ao 31 de marzo do 2024, contabilizáronse un total de 1.125.587 toneladas de graneis sólidos fronte ás 876.136 do mesmo período do exercicio anterior. Un incremento que contrasta coa contracción nos líquidos que, tras alcanzar cifras récord no 2023, descenderon ás 485.043 toneladas. Pola súa banda, a mercadoría xeral, condicionada pola incerteza do contexto internacional, perdeu peso neste primeiro trimestre e queda nas 162.496. Isto levou a que, nas dársenas do conxunto do organismo portuario, movésense un total de 1.773.126 toneladas, 680.236 menos que nos tres primeiros meses do ano anterior.

As perspectivas apuntan a que o descenso do 27,7 % experimentado no arranque deste exercicio se vaia paliando a medida que avanza o ano e que 2024 peche en termos similares aos de 2023. Os datos interanuais apuntan neste sentido. Así, entre o 31 de marzo de 2023 e o 31 de marzo de 2024, as empresas que operan nos peiraos da Autoridade Portuaria han movido un total de 7.770.911 toneladas, preto dos 8.451.919 coas que se pechou o ano 2023.

Ademais, o mes de marzo paliou a intensa contracción experimentada do primeiro bimestre xa que se experimentou unha melloría con respecto a xaneiro e febreiro. As empresas que operan nos portos de Ferrol e San Cibrao moveron en marzo un volume de mercadorías moi similar ao do mesmo mes do ano pasado. Mentres nos dous primeiros meses do ano o descenso situábase nun 39 %, en marzo foi dun 1,49 % o que apunta a unha progresiva recuperación dos tráficos.

A tendencia repítese na terminal de contedores, onde se deixa notar especialmente a contracción do comercio internacional e a situación xeopolítica. Nos tres primeiros meses do ano moveu 2.850 TEU fronte aos 11.946 do mesmo período do 2024. A pesar de que o mes de marzo rexistrouse un lixeiro incremento da actividade con respecto a xaneiro e febreiro, a terminal acusa o bloqueo que se vive na Canle de Suez e que repercute nos portos do Mediterráneo, afectando especialmente, no caso de Ferrol, aos tráficos vía Alxeciras.

O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, apela á prudencia, pero destaca que “as perspectivas é que este ano termine con datos moi similares aos do pasado exercicio”. “Seguimos nunha situación de incerteza á que os portos da Autoridade Portuaria non son alleos, pero esperamos unha recuperación progresiva dos tráficos. Esa melloría na tendencia deixouse notar xa en marzo e paliou, en certa medida, os resultados de xaneiro e febreiro onde se rexistrou unha contracción importante do movemento de mercadorías. No caso dos graneis líquidos partiamos, ademais, dunhas cifras récord xa que no 2023 movéronse máis toneladas, especialmente de gas natural e fuel oil, das que veñen sendo habituais. Con todo, consideramos que as cifras de tráficos iranse consolidando a medida que avance o ano e que nos manteremos nos niveis do exercicio anterior”, destaca Barea.