• As empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron o mes pasado un 9,9 % máis de carga que no mesmo período do ano anterior

• A institución retoma a senda do crecemento e cumpre dese modo o seu obxectivo estratéxico de rexistrar un millón de toneladas mensuais

• A estiba e desestiba de graneis sólidos dispárase case un 15 % e compensa sobradamente o retroceso experimentado polos líquidos

Ferrol, 18 de abril de 2018. As empresas que operan nas instalacións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao moveron o mes pasado algo máis de 1,3 millóns de toneladas, un 9,9 % máis que no mesmo período do ano anterior. En tráfico de mercadorías, a cifra converte a este mes de marzo terceiro mellor da historia da institución, por detrás do de 2014 e case ao mesmo nivel do de 2012, como mostra a gráfica que ilustra esta información.
Nos peiraos da Autoridade Portuaria rexistrouse o mes pasado un movemento de 1.300.057 toneladas de mercadoría, segundo datos provisionais. Nos de Ferrol a actividade aumentou en 18,71 puntos porcentuais, mentres que nos de San Cibrao descendeu un 4,05 %.
No global, o tráfico de graneis líquidos (137.455,1 toneladas) caeu un 22,69 % e o de mercadoría xeral (45.012,9), outro 14,7 %, pero o de graneis sólidos (1.115.186,21), que é o máis importante, aumentou un 17,22 %. Finalmente, as toneladas de avituallamentos evolucionaron desde 925 ata 2.385.
En termos absolutos, o ranking de mercadorías liderouno o carbón, con 647.998 toneladas movidas; seguido da bauxita, con 322.970; a alumina, con 87.689; o gas natural licuado, con 75.429; a chatarra, con 35.826; a sosa cáustica, con 23.801; o biodiésel, con 21.900; e o aceiro, con 15.951. Na clasificación figuran en lugar destacado igualmente os aceites (12.896 toneladas), o coque (8.547), a madeira (6.797), o papel (6.675), a acha e desperdicio de madeira (4.799) e os aeroxeradores (4.436). Este gran marzo, ao que por agora está a seguir un abril tamén bo, permitiu á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao recuperar a senda do crecemento que, por mor da conxuntura, perdera nun discreto primeiro bimestre do presente exercicio. Durante os meses de xaneiro e febreiro de 2018, non en balde, o movemento de mercadorías foi inferior ao de 2017 cunha media diaria de 13.750 toneladas.
Grazas á remontada iniciada en marzo, os datos definitivos de Portos do Estado certificarán que a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao conseguiu pechar o trimestre inicial de 2018 arredor dos 3.025.000 toneladas cargadas e descargadas. Deste xeito, a institución cumpre de novo o seu obxectivo estratéxico de rexistrar un millón de toneladas cada mes. Unha meta que lle permite consolidarse entre as catro primeiras autoridades portuarias da fachada noratlántica-cantábrica, xunto ás de Bilbao, Xixón e A Coruña.