A nova previsión é pechar 2019 cun tráfico de mercancías duns 11 millóns de toneladas, fronte aos 13,7 alcanzados o no pasado

Os peiraos de Ferrol e San Cibrao reséntense polas dificultades das industrias electrointensivas e, sobre todo, pola caída do carbón

A dirección do organismo afondará na busca de tráficos alternativos e continuará apoiando proxectos de futuro como o hub de GNL, ao tempo que avoga por un cambio de modelo económico ordenado, xusto e non lesivo para a zona

Ferrol, 25 de setembro de 2019

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao actualizou o seu plan de empresa ante as consecuencias da crecente aceleración do proceso de transición enerxética. A dirección do organismo informou hoxe desta medida aos membros do seu consello de administración. A nova previsión é pechar o ano en curso cun tráfico de mercancías duns 11 millóns de toneladas, fronte aos 13,7 alcanzados en 2018.

Europa atravesa un forte proceso de transición enerxética que, por condicións de mercado e de regulación, afecta gravemente á xeración de enerxía con carbón en España, onde as industrias electrointensivas tamén están sufrindo problemas de competitividade. Estes feitos condicionan excesivamente a actividade nos peiraos de Ferrol e San Cibrao, que historicamente estiveron vinculados á construción naval e, sobre todo, á enerxía.

Consciente desta situación, a Autoridade Portuaria iniciou fai anos unha política de diversificación de tráficos que frutificou, por exemplo, na inauguración en 2018 da primeira liña regular de contedores da dársena de Caneliñas. Emprendeu igualmente inversións para mellorar a conectividade e competitividade das súas instalacións, como a construción do acceso ferroviario aos peiraos exteriores de Ferrol, obra actualmente en execución. E apoia proxectos clave no novo modelo económico, maioritariamente, a creación do gran hub de gas natural licuado (GNL) do noroeste ibérico.

O calendario da transición enerxética, non obstante, acelerouse dun modo notable nos últimos meses, o cal, nun exercicio de responsabilidade, obrigou á Autoridade Portuaria a corrixir o seu plan de empresa. Nun escenario prudente de demanda, agora estímase que 2019 podería concluír cun movementos de 11 millóns de toneladas de mercancías e 2020, con entre 10 e 11.

As empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron dende o 1 de xaneiro ata o 31 de agosto de 2019 un total de 7.877.464 toneladas de materias primas, materiais e produtos, segundo datos aínda provisionais. Dita cifra é un 12,7 % inferior á rexistrada en iguais fechas de 2018 (9.021.165). As baixadas nos meses sexto, sétimo e oitavo do exercicio foron o 31,4, do 19,9 e do 39,8 %, respectivamente.

Se da comparativa se exclúe o tráfico de carbón, resultan 5.722.485 toneladas este ano fronte a 5.973.741 o pasado, o que supón un descenso de 4,2 puntos porcentuais, que é, redondeando, o que se está contraendo o mercado da alumina e a bauxita. No outro lado da balanza, destacan o bo comportamento do GNL –pasou de 463.018 a 511.446 toneladas- e da madeira, con 35.761 toneladas extra (197.437 en total).

A dirección do organismo que preside José Manuel Vilariño informou hoxe de este escenario aos membros do consello de administración. En paralelo, avogouse por acometer unha transición enerxética ordenada, xusta e non lesiva para os intereses da comunidade portuaria nin para os da área de influencia da Autoridade Portuaria, así como por favorecer a actividade das industriais electrointensivas.