O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, o alcalde de Ferrol e a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia inauguran o Edificio Prioriño que habilita espazos e servizos para traballadores e empresas

O organismo portuario pon en valor o inmoble, tras anos en desuso, para dotar a Caneliñas dunha nova infraestrutura que reforzará a súa competitividade e facilitará a implantación de novas iniciativas de negocio

As obras, cun investimento de 3,4 millóns de euros, completaranse coa urbanización da contorna que incluirá aparcamentos e puntos de recarga para vehículos eléctricos

Ferrol, 13 de xuño de 2024

O porto exterior de Ferrol conta xa cun edificio de usos múltiples e servizos loxísticos para traballadores e empresas. O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana inauguraron esta mañá o Edificio Prioriño e realizaron unha visita ás novas instalacións. A inauguración culminou así un ano de obras coas que o organismo portuario recuperou o antigo inmoble que pertenceu á Cámara de Comercio e que se atopaba inacabado e en desuso. Agora ponse ao servizo da comunidade portuaria e das compañías que queiran asentarse nas dársenas ferrolás. Deste xeito, recupérase un inmoble, patrimonio do organismo portuario, para abrir novos espazos e dotacións que complementan os servizos que se ofrecen no porto exterior.

O organismo que preside Francisco Barea constatou xa o interese de varias empresas da comunidade portuaria por ocupar os novos espazos habilitados no inmoble, algunhas das cales presentaron unha solicitude para instalarse nas zonas de oficinas do novo edificio multiusos.

O inmoble ten un total de 3.000 metros cadrados distribuídos en planta baixa e dúas alturas, cada unha delas de 1.000 metros cadrados. Conta con espazo para oficinas e zonas de administración, salón de actos e área para para formación e eventos. Ademais, se reserva tamén unha zona de restauración e cafetería para os usuarios do porto. A ordenación dos espazos realizouse agrupando usos compatibles e complementarios nun esquema funcional que optimiza as prescricións do edificio.

As obras foron realizadas por Comsa-Ogmios Proxecto e supuxeron un investimento de 3,4 millóns de euros. Os traballos mantiveron a parte executada no seu momento como a cimentación, a estrutura, a cuberta e o acabado da fachada, actuando sobre aqueles elementos que sufriron unha maior deterioración polo paso do tempo. No interior, acometéronse as obras necesarias para habilitar o edificio como un espazo polivalente de usos múltiples e posibilitar así a súa apertura. Deste xeito ofertarase, especialmente a empresas e traballadores, unha serie de servizos cos que ata o momento non contaba o porto exterior de Ferrol. Ademais, facilitará a implantación en Caneliñas de novas iniciativas empresariais ao contar cun espazo funcional desde o que operar e no que establecer sinerxias que redunden en beneficio do tecido empresarial.

A actuación completarase coa urbanización do espazo exterior. Unha segunda fase na que se investirán 700.000 euros. O obxectivo é habilitar, no exterior de novo edificio multiusos, zonas verdes, aparcamentos e puntos de recarga para vehículos eléctricos.

Recuperación do patrimonio e reforzo da competitividade

Trátase así de poñer operativo un antigo inmoble, situado en Caneliñas, que no ano 2009 comezara a construír a Cámara de Comercio co obxectivo de poñer en funcionamento un centro de usos múltiples e servizos loxísticos. En plena execución das obras, a disolución do organismo cameral impediu a finalización dos traballos e en 2015 o edificio, sen acabar, revertió na Autoridade Portuaria. Tras anos parado, o organismo que preside Francisco Barea decidiu poñer en valor ese espazo e terminar o inmoble para posibilitar a súa apertura.

O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao agradeceu a presenza da conselleira de Economía e Industria e do alcalde de Ferrol na posta en servizo dunha nova infraestrutura que contribuirá ao desenvolvemento do porto exterior. “Queremos con este acto poñer en valor o que a recuperación deste edificio supón. Primeiro, porque dotamos ao porto dun servizo do que carecía ata o momento e que vai contribuír a facilitar o traballo das empresas xa asentadas, ademais de constituír un atractivo para a implantación de novas iniciativas e dar servizo aos traballadores e usuarios do porto exterior. E, en segundo lugar, poñemos en valor este edificio, tras anos sen uso, aproveitando así o patrimonio inmobiliario existente para para abrilo ás empresas e aos traballadores. Evitamos a súa deterioración e dotamos ao porto de novas infraestruturas que o farán máis competitivo”, destacou Francisco Barea.