“Un mundo de cores” é a mostra que se pode visitar a partir de mañá na sala do peirao de Curuxeiras.

Os membros da Asociación Narón Amigos da Arte recollen corenta obras de distintos pintores, estilos e técnicas.

 

Ferrol, 16 de abril de 2019 

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao inaugura a exposición Un mundo de cores, unha mostra de pintura colectiva da Asociación Narón Amigos da Arte (Narart). Trátase dun conxunto de corenta obras de distintos artistas con diferentes estilos e técnicas que se pode visitar a partir de mañá na sala de exposicións do porto de Ferrol, situada no peirao de Curuxeiras .  

A ampla lista de artistas que se dan cita nesta exposición está formada por Esther Piñán, Pily Criado, Juan Zaplana, Alejos Lorenza, Francisco Pérez, Carmen Rodríguez, Patricia Álvarez, Elvira Izquierdo e María Julbe Labrador.  

A principal característica desta exposición é a diversidade, reflectida na cantidade de cores que inundan a mostra e nos diferentes pintores que a compoñen. As asociacións que visiten a mostra poderán participar nun mural colectivo onde plasmar a súa arte. Así, a exposición está viva e aberta a todas as perspectivas artísticas.  

Un mundo de cores permanecerá aberta ao público dende mañá ata o 6 de maio.  Pódese visitar en horario de tarde, de seis a oito, e de luns a sábado.