• A dársena exterior pasa a formar parte dunha ruta de mercadorías con conexións directas con Róterdam, Tilbury, Sevilla e Huelva, e indirectas con Marrocos, Cartaxena, as illas Canarias, Escandinavia, Rusia e os países bálticos
•A concesión de Yilport en Caneliñas recibirá a partir de agora cada sábado dous grandes buques portacontedores

Ferrol, 2 de xuño de 2018. Ferrol xa forma parte do mapa das grandes rutas do tráfico marítimo de contedores. Procedente de Huelva e con destino Tilbury, no sueste de Inglaterra, o buque JRS Capella (129,6 metros de eslora, 698 TEUs de capacidade) prevé facer escala esta noite no porto exterior, onde está programado que cargue e descargue contedores. Toma corpo así unha das grandes apostas estratéxicas da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, que deste xeito gaña para os seus balances un novo tráfico, e de alto valor engadido.
A naviera MacAndrews introduciu a terminal de contedores de Caneliñas, que explota en réxime de concesión Yilport Ferrol, dentro dunha das súas rutas regulares. A partir do próximo, cada sábado arribarán á cidade naval os dous barcos que cobren a flamante liña Tilbury-Róterdam-Ferrol.
Semanalmente, en tránsito saínte, Caneliñas gozará de conexións directas con Sevilla e Tilbury, e en entrante, con Huelva e Róterdam, en Holanda. A través dos nodos de MacAndrews en Róterdam (o maior porto de Europa), Tilbury e Sevilla, Ferrol tamén quedará conectado con Escandinavia, Rusia, os países bálticos, as illas Canarias e Marrocos.
Con este servizo, que dinamizará a economía da zona, a industria galega poderá importar e exportar a través dunha terminal de contedores que é a de maior calado da costa atlántica sureuropea.
A concesionaria da terminal, Yilport Ferrol, pertence a Yildirim Group, un dos principais operadores de contedores do mundo. A ruta regular que hoxe será estreada cúbrea unha das navieras máis antigas de Europa, MacAndrews, englobada no grupo CMA-CGM. A Xunta, a través de XesGalicia, outorgou á concesionaria un préstamo por importe de 8,4 millóns de euros, favorecendo así o desenvolvemento da súa actividade na terminal de contedores do porto ferrolán.
Máis dun millón de toneladas ao mes
Este novo tráfico contribuirá a incrementar a actividade nas instalacións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Segundo datos aínda provisionais, as compañías que operan nos seus peiraos moveron durante os cinco primeiros meses do ano 5.213.217 toneladas de mercadorías. Esta cantidade sitúase moi por enriba da media histórica da institución, aínda que queda a 7,6 puntos porcentuais da alcanzada nas mesmas datas de 2017. En todo caso, serve para cumprir o obxectivo estratéxico da entidade: rexistrar mensualmente unha media dun millón de toneladas. O tipo de mercadoría que mellor se está comportando no que vai de ano é a xeral, cun ascenso do 8,4 % que contrasta cos retrocesos dos graneis sólidos (-7,5 %) e líquidos (-13,2 %). O ranking lidérao por agora a bauxita (1.795.295 toneladas), seguida do carbón (1.537.820), a alúmina (492.172), o gas natural licuado (331.294), o fuel óleo (135.366) e o biodiésel (100.001).