O PORTO DE FERROL ESTREA UN SISTEMA QUE AUTOMATIZA O CONTROL DE ACCESO DO TRÁFICO RODADO ÁS INSTALACIÓNS
Esta mellora posibilita a entrada inmediata do 95 % dos 24.000 vehículos que transitan cada mes polas zonas de paso restrinxido.
O avance libera tamén á policía portuaria para que poida realizar inspeccións máis exhaustivas cando proceda.
Ferrol, 7 de xuño de 2019
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acaba de implantar un novo sistema de control para os vehículos que a diario utilizan as zonas de acceso restrinxido da dársena de Ferrol. Esta mellora, que supuxo unha inversión de 40.000 euros, permite a identificación automática dos usuarios frecuentes e dos eventuais de longa duración, o que posibilita a entrada inmediata para o 95 % do tráfico rodado tanto da rada interior como da exterior. Ademais, facilita que a policía portuaria poida realizar controis máis exhaustivos ao 5 % restante, entre os que se encontran os vehículos que transportan mercancías perigosas ou os que acceden de maneira puntual ás instalacións.
No porto interior o sistema utiliza videocámaras para a lectura das matrículas dos vehículos que xa están rexistrados previamente na base de datos da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao dentro de algún dos perfís que se poden beneficiar deste avance. Na rada exterior, o sistema é similar, pero con tarxetas. Ao aproximarse á barreira do punto de acceso, si é o caso, as videocámaras e lectores de tarxetas identifican que é un vehículo rexistrado e o paso queda franqueado automaticamente.
“Xeramos ata nove perfís de usuarios, dende os propios empregados da Autoridade Portuaria ata os que traballan para algunha das empresas concesionarias ou transportistas que se encargan da distribución da mercancía”, comenta o xefe do departamento de Explotación, Javier Calviño. “O novo sistema – engade – libera aos axentes da policía portuaria para centrarse na exhaustiva identificación dos vehículos cuxa tipoloxía así o requira ou para realizar controis aleatorios”.
As instalacións de acceso restrinxido do porto de Ferrol acceden, grosso modo, unha media de 24.000 vehículos cada mes. Tras unhas semanas de probas, o novo sistema de control de acceso atópase xa plenamente operativo.