O NOVO EMBAIXADOR DE TURQUÍA EN ESPAÑA VISITA A TERMINAL DE CONTEDORES DE FERROL
O percorrido polas instalacións do diplomático supón un respaldo ao proxecto que o grupo turco Yildirim desenvolve no porto exterior, que é a meirande inversión deste país en Galicia.
Ferrol, 26 de marzo de 2019
O novo embaixador de Turquía en España, Cihad Erginay, visitou a primeira hora desta tarde a terminal de contedores do porto exterior de Ferrol. No seu percorrido polas instalacións que opera o grupo de matriz turca Yildirim a través da súa división portuaria Yilport, foi acompañado, entre outros, polo director xeral da terminal, Diogo Castro; o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Manuel Vilariño; o director, Alejandro Rey; e o responsable do seu departamento Comercial e de Desenvolvemento, Julio Hernández.
Esta visita enmárcase dentro da rolda de contactos que o diplomático turco está levando a cabo despois da súa recente toma de posesión coma embaixador en España e supón un respaldo á que é a meirande inversión dunha empresa deste país en toda Galicia. Desde o comezo das súas operacións en xuño de 2018 ata o peche do pasado exercicio, a terminal de contedores xenerou un tráfico de mercadorías de 43.194 toneladas (4.532 TEUs).