• O servizo regular conectará Galicia co Reino Unido e o norte de Europa a través da extensa rede de portos da naviera
• A compañía ofrecerá tamén conexión con Canarias para os cargadores galegos

Ferrol, 11 de mayo de 2018. Un novo fito na aspiración do Porto de Ferrol de converterse nunha referencia comercial no norte peninsular. A naviera MacAndrews, un dos principais operadores no tráfico intraeuropeo de contedores, comezará a operar cunha liña semanal na terminal de contedores Yilport Ferrol.
A compañía, que realizara unha escala de proba en abril de 2017 na terminal de contedores, decidiu finalmente apostar polo porto de Ferrol coa inauguración dunha liña regular con dúas escalas semanais. Unha delas, en dirección norte, permitirá conectar Galicia co Reino Unido e o norte de Europa a través da extensa rede de portos de MacAndrews. A segunda, en dirección sur, ofrecerá aos cargadores galegos unha conexión regular con Canarias.
A posta en marcha desta nova liña de tráfico de contedores supoñerá un importante impulso económico para Galicia xa que implicará unha gran vantaxe competitiva para toda a industria da metade norte da comunidade. O inicio deste novo servizo por parte de MacAndrews permitirá impulsar tanto a exportación como a importación de mercadorías, mellorando notablemente os tempos de tránsito e reducindo os custos do transporte terrestre.
O tráfico de contedores é a principal aposta da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao para o porto exterior de Ferrol. E esa aposta vese agora reforzada pola chegada da compañía MacAndrews, do grupo CMA-CGM. A naviera, unha das máis antigas de Europa, é un dos principais operadores de tráficos intraeuropeos por contedor marítimo e CMA-CGM é o terceiro grupo a nivel mundial.
Pola súa banda, Yilport Ferrol é a empresa concesionaria da terminal de contedores de Ferrol (Ferrol Contedora Terminal), unha das de maior calado do Atlántico europeo. Trátase dunha filial do grupo turco Yildirim Group, un xigante industrial que se atopa entre os principais operadores de contedores a nivel mundial.