A AUTORIDADE PORTUARIA XA PECHOU PARA ESTE ANO 17 ESCALAS DE CRUCEIROS EN FERROL E NEGOCIA COAS NAVIEIRAS MÁIS ATRACADAS
O organismo tense garantizado a estas alturas do exercicio a chegada de barcos cunha capacidade conxunta para case 26.000 persoas.
A cifra de buques de pasaxe recibidos en 2019 superará á de 2018, cando foron 14 os que arribaron aos peiraos da cidade naval.
Ferrol, 24 de xaneiro de 2019
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao xa pechou para este ano con sete navieiras 17 escalas de cruceiros na dársena de Curuxeiras, da cidade naval. Ademais, negocia con outras empresas do sector varias atracadas máis, de modo que á conclusión do exercicio espérase que sumen en torno a vinte os buques de pasaxe recibidos. En todo caso, superarán a cifra de arribados en 2018, cando foron 14 os barcos deste tipo que se detiveron nas instalacións do organismo que preside José Manuel Vilariño.
A nova tempada de cruceiros en Ferrol arrancou o pasado 16 de xaneiro, coa chegada do Saga Pearl II. A falta de engadir á lista as posibles novas incorporacións, o curso concluirá o 2 de dicembro, co flamante Spirit of Discovery, que realizará a súa navegación inaugural este mesmo verán. Como reflexa o gráfico da páxina 3, entremedias sucederanse as visitas do AIDAmar, en febreiro e novembro; do Georg Stage, en abril; do Hamburg, no mesmo mes; do Star Breeze, en maio e en outubro; do Amadea e do Aurora, ambos tamén en maio; do Star Pride, en xuño; do Oriana, en xullo; do Marina, en setembro; do Artania, en outubro; do AIDAbella, en igual mes; e, de novo, tanto do Saga Pearl II como do Spirit of Discovery, respectivamente, en abril e en novembro.
O Georg Stage funciona como buque escola da mariña civil danesa, mentres que as restantes naves pertencen ás flotas de Saga Cruises, AIDA, Plantours Kreuzfahrten, Windstar Cruises, Phoenix Reisen, P&O Cruises e Oceania Cruises. Actualmente, a Autoridade Portuaria mantén conversas avanzadas con outras dúas navieiras para que algunhas das súas unidades recalen na cidade naval durante 2019.
Procedente de Santander e con destino á illa de Guernsey, na canle da Mancha, o maior dos buques de pasaxe consignados, o Oriana, conta cunha eslora de 281 metros, practicamente 2,7 veces superior á lonxitude do terreo de xogo da Malata. Con 54 metros, o Georg Stage é o menor.
Con estas 17 atracadas xa pactadas, a institución tense garantizado a visita a Ferrol de barcos cunha capacidade conxunta para 25.870 persoas (18.775 clientes máis 7.095 tripulantes), o que constituirá unha importante fonte de ingresos para a cidade.
O ano pasado, cando episodios de mal tempo frustraran algunhas escalas previstas, a cidade recibiu a 17.534 pasaxeiros de cruceiro, fronte aos 20.379 de 2017 e os 20.061 de 2016. A media histórica anual é de 11.373 e a Autoridade Portuaria tense fixado o reto de alcanzar os 45.000 hacia 2022.