ESGOTADAS AS PRAZAS PARA VER POR DENTRO O FARO DE ESTACA DE BARES E, EN LANCHA, AS SINAIS MARÍTIMAS DA RÍA DE FERROL
A Autoridade Portuaria invita á cidadanía a coñecer o 1 de xullo en visitas guiadas gratuítas a exposición de axudas á navegación que ten montada o Museo da Construción Naval.
Ferrol, 19 de xuño de 2019
As actividades organizadas pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao con motivo do primeiro Día Mundial das Axudas á Navegación Marítima están tendo unha gran acollida entre a sociedade civil. De feito, xa se esgotaron as prazas dispoñibles para dúas das propostas ofertadas, ambas previstas para o 29 de xuño: un recorrido en lancha pola ría de Ferrol para coñecer os distintos tipos de sinais marítimas que hai na zona e unha serie de visitas ao interior do faro de Estaca de Bares, en Mañón (A Coruña).
Non obstante, os cidadán aínda poden aproximarse doutra maneira a este mundo das axudas á navegación. O 1 de xullo, o organismo público que preside José Manuel Vilariño organizará unha xornada de portas abertas na exposición permanente de faros e sinais marítimas que acolle o Museo da Construción Naval, no ferrolán edificio de Herrerías. Duns 25 minutos de duración cada unha, haberá, sen necesidade de reserva previa, visitas guiadas gratuítas ás 10:00, ás 10:30, ás 13:00, ás 13:30; ás 14:00 e ás 14:30 horas. A referida mostra recolle pezas de Portos do Estado e fondos propios rehabilitados pola Autoridade Portuaria. Entre elas destacan a antiga óptica de Estaca de Bares (1850-1962) e unha boia de canal de 2 metros de diámetro e 9,5 de altura.
Para ese mesmo luns, ademais, convocouse unha conferencia sobre sinais marítimas na sala Carlos III de Exponav (Ferrol). A partir das 11.15 horas, intervirán o coordinador de Seguridade Marítima da Capitanía Marítima de Ferrol, Domingo Pose Edrera; o director executivo da empresa Mediterráneo Sinais Marítimas, Antonio Martínez Tanco, e o responsable de Sistemas de Axudas á Navegación da Autoridade Portuaria, Ignacio Fernández Fernández.
A Autoridade Portuaria xestiona, controla e mantén 155 axudas á navegación marítima. Despregado entre as rías de Ares e Ribadeo, este complexo sistema resulta fundamental para o correcto guiado das embarcacións. Consta de 9 faros e 146 sinais, incluídas enfilacións, torres, torretas, postes, boias e outras clases de balizas.