• Os usuarios da praia e dos pantaláns contan agora cunha zona peonil claramente delimitada e unha área de estacionamento ordenada e pintada

• Grazas aos traballos recentemente terminados, as persoas con mobilidade reducida dispoñen tamén de prazas de estacionamento reservadas para elas

Ferrol, 29 de xuño de 2018. A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao investiu case 27.000 euros na mellora da accesibilidade e do pavimento na contorna do porto deportivo e da praia da Graña. Despois dun par de meses de traballos na zona, a institución acaba de dar por concluída a execución do proxecto, que realizou en dúas fases a empresa local Prosema Noroeste.
As obras consistiron na adecuación xeral do firme, a separación definida da área peonil da do tráfico rodado, a ordenación e pintado da zona de aparcadoiro, a reserva de dúas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e a instalación, na entrada ao areal, de baldosas táctiles, para invidentes. Estes traballos supuxeron igualmente unha mellora integral das condicións de accesibilidade tanto ao porto deportivo como á praia.
Así mesmo, a Autoridade Portuaria aproveitou esta actuación para recolocar e aumentar os cubos de granito dispostos na zona para a protección dos peóns. Na área foron colocados, ademais, dous bancos como os do paseo da Graña e unha fonte adaptada para persoas con discapacidade.