A RECTA FINAL DAS OBRAS DA SENDA PEONIL E O CARRIL BICI OBRIGAN A CORTAR AO TRÁFICO DESDE O 10 DE XUÑO A ESTRADA BAIXA DO PORTO
Os vehículos que circulen en dirección á entrada da cidade poderán chegar ata a rotonda do porto interior e, desde alí, acceder a través da Estrada Alta mentres duren as restricións
Os peóns poderán seguir transitando polo vial a través dun itinerario habilitado no lado máis pegado á cidade
A Autoridade Portuaria pide desculpas polas molestias que poida ocasionar esta medida que se adopta para reforzar a seguridade e que se prolongará durante aproximadamente catro ou cinco semanas
Ferrol, 5 de xuño de 2024
A recta final das obras de construción do carril bici e a senda peonil na fachada marítima provocarán cambios temporais no tráfico rodado. A partir do próximo luns, 10 de xuño, a Estrada Baixa cortarase á circulación rodada durante as próximas semanas. Unha medida que se adopta co obxectivo de reforzar a seguridade na recta final dos traballos.
Estableceuse un itinerario alternativo pola Estrada Alta para os condutores que circulen en dirección entrada á cidade. Os vehículos poderán acceder ata a rotonda do porto interior para, desde alí, acceder á cidade e á zona de Curuxeiras a través da Estrada Alta. Os peóns, pola súa banda, poderán seguir transitando pola Estrada Baixa a través dun itinerario seguro que se habilita polo lado do vial máis próximo á cidade. Os itinerarios alternativos, tanto para o tránsito rodado como peonil, estarán debidamente sinalizados.
A Autoridade Portuaria pide desculpas polas molestias que esta medida poida ocasionar e que tratará de minimizar na medida do posible. Trátase dunha restrición temporal adoptada co obxectivo de reforzar a seguridade para condutores e peóns na recta final dos traballos, xa que a construción do carril bici obriga a ocupar parte da calzada. Estímase que a Estrada Baixa poderá abrirse de novo ao tráfico de vehículos no prazo de catro ou cinco semanas. O organismo portuario é consciente da incomodidade que esta decisión pode ocasionar pero que é necesaria para a finalización dunhas obras que supoñerán un cambio na fachada marítima da cidade, gañar espazo público para a cidadanía e facilitar a mobilidade sostible.