A mostra poderase visitar a partir de mañá na sala do peirao de Curuxeiras. 

O pintor Francisco Pérez Alonso expón vinte cadros en homenaxe ás traballadoras do mar. 

 

Ferrol, 19 de decembro de 2019

 A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acollerá, a partir de mañá, a exposición Reivindicación Mariscadoras, do artista Francisco Pérez Alonso. Esta mostra está formada por vinte obras, dezaoito acrílicos e dous pasteis que teñen como obxectivo homenaxear ás profesionais do marisqueo. Ademais, Pérez Alonso completa esta serie de cadros con dúas pinturas cinéticas temáticas, un estilo de pintura en movemento.

Esta exposición naceu dunha petición das mariscadoras da Confraría de Pescadores A Pastoriza, de Vilanova de Arousa (Pontevedra), a Francisco Pérez Alonso para que lles pintara un lenzo sobre o seu traballo. A el gustoulle a idea de reivindicar a labor que realizan estas mulleres e decidiu realizar unha serie de vinte cadros e crear esta exposición itinerante que agora se pode visitar por primeira vez en Ferrol. “O marisco non aparece so enriba da nosa mesa, hai moitas mariscadora mollándose e pasando frío no mar”, reflexiona o artista.

A mostra reflexa todas as labores que realizan as mariscadoras. As obras complementarias creadas baixo a técnica de pintura cinética temática son sobre a primeira muller mariscadora de Vilanova de Arousa e a igrexa de A Pastoriza, primeiro lugar que albergou a exposición e igrexa onde foi bautizado Ramón María del Valle Inclán.

A apertura terá lugar mañá ás doce do mediodía na Sala de Exposicións do Porto de Ferrol. O acto estará aberto ao público e contará coa presenza do artista e, finalmente, ofrecerase un café. A mostra poderase visitar ata o 29 de decembro.