A AUTORIDADE PORTUARIA RECREA NUNHA EXPOSICIÓN A HISTORIA DE FERROL VELLO, O BARRIO DO QUE TODOS SOMOS VECIÑOS
A Sala Curuxeiras reúne unha recompilación de fotografías, documentos, maquetas e vídeos que lembran o pasado máis recente desta zona da cidade e a súa relación co porto
A mostra estará aberta ao público ata o 15 de setembro en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas
“Ferrol Vello, o barrio do que todos somos veciños”. O título da exposición que desde hoxe se pode visitar na Sala Curuxeiras encerra a esencia desta iniciativa que pretende poñer en valor a historia dun barrio emblemático para a cidade e especialmente vinculado co porto. A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao impulsa esta mostra que nos retrotrae ao noso pasado a través de fotografías, vídeos, maquetas e documentos que desvelan como naceu e se desenvolveu Ferrol Vello e a súa vinculación cos peiraos.
A exposición inaugurouse esta mañá coa presenza da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol, e Francisco Barea, presidente da APFSC. Estará aberta ao público na Sala Curuxeiras ata o 15 de setembro en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
Susana Menéndez Seoane, responsable do arquivo da APFSC e comisaria da exposición, reuniu o material que compón a mostra que nos permite revivir a historia, pero tamén as anécdotas, algunhas delas pouco coñecidas, do barrio que leva o nome da cidade desvelando así o carácter identitario que encerra. Os paneis informativos instalados ao longo da sala complementan o material que nos permite coñecer a historia, as festas, os lugares emblemáticos ou o modo de vida dos seus habitantes ao longo dos anos. Haberá curiosidades, como o balneario que no século XIX había en Ferrol Vello. Fotografías que nos desvelan como era a vida nesta zona da cidade, como foi crecendo o porto ou como foi desenvolvéndose o barrio.
Proxectaranse as primeiras imaxes en movemento do porto de Ferrol, que datan do século XX. Haberá maquetas, documentos históricos, revistas orixinais das festas da Parrocheira e un extenso material que conforma unha exposición na que se resalta esa historia compartida entre o porto e o barrio.
A iniciativa parte do arquivo da Autoridade Portuaria que deste xeito comparte coa cidadanía parte dos seus fondos. Un material que se completou coas achegas de veciños de Ferrol Vello e traballadores do organismo portuario que se implicaron para recompilar imaxes dos seus arquivos persoais. Ademais, colaboraron tamén numerosas entidades públicas e privadas cedendo parte dos seus fondos, así como o Concello de Ferrol.