A AUTORIDADE PORTUARIA REACTÍVASE AO AUMENTAR OS SEUS TRÁFICOS UN 8 % DURANTE O SEGUNDO TRIMESTRE DO ANO
As empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron de abril a xuño 2.812.864 toneladas de mercancías, 214.181 máis que no mesmo período de 2019.
O bo comportamento dos mercados do GNL e a bauxita palía o cese das importacións de carbón.
No global do primeiro semestre o descenso do volume de cargas e descargas sitúase algo por debaixo dos 15 puntos porcentuais.
Ferrol, 17 de xullo de 2020
A actividade nas instalacións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aumentou un 8,3 % durante o segundo trimestre de 2020, en comparación co mesmo período de 2019. Deste xeito quedou compensado parcialmente o acusado descenso que se rexistrara no intervalo xaneiro-marzo. Abril comezou cunha baixada acumulada no balance de tráficos de 32 puntos porcentuais e no inicio de xullo o retroceso arrastrado situouse en menos da metade.
Segundo datos aínda provisionais, as empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron entre o 1 de abril e o 30 de xuño deste ano 2.812.864 toneladas de mercancías, fronte ás 2.598.683 contabilizadas en iguais datas do exercicio anterior. Este incremento (214.181) produciuse malia perder a Autoridade Portuaria o que ata a primavera de 2019 era o seu principal tráfico, o de importación de carbón, e tamén pese aos efectos da pandemia do coronavirus sobre a navegación mundial. O avance explícase, fundamentalmente, polo bo comportamento dos mercados do gas natural licuado (GNL) e a bauxita.
No global do semestre inicial de 2020, en cambio, os movementos nos peiraos da Autoridade Portuaria alcanzaron unha magnitude de 5,21 millóns de toneladas, o que supón unha caída do 14,9 % respecto dos rexistros de 2019 (6.122.597). Deses 6,12 millóns de toneladas cargados e descargados na primeira parte do ano pasado, 1,99 foran de carbón.
A bauxita lidera o ránking de mercancías do período xaneiro-xuño de 2020, con 2.481.567 toneladas, seguida polo GNL, con 653.269. A clasificación complétana nos seus postos altos a alúmina (630.347), o fueloil (213.816), a sosa cáustica (163.530), a madeira (163.395), os aceites (160.120), a chatarra (126.553), o biodiésel (120.144) e o aceiro (86.069).
Entre os grandes tráficos, en termos relativos sobresaen as evolucións do GNL, cun repunte do 127,4 %, e do fueloil, a madeira e a sosa cáustica, con subas, respectivamente, do 29,8, o 24,6, e o 21,1 %. Tamén evolucionan a bauxita (19,6 %), os aceites (17 %), o biodiésel (16,4 %) e a alúmina (6 %).
No resto do desglose da estiba e desestiba merecen mención destacada tamén os movementos de contenedores, cun avance do 3,5 % se se mide en toneladas (de 46.970 a 48.599) e do 17,6 % si se estima en TEUs (de 4.026 a 4.734).
“Empezamos a compensar nos nosos balances a perda do carbón polo cese de actividade nas Pontes, aínda que é certo que nos queda un longo percorrido aínda para poder igualar a importancia que estas importacións tiñan para a Autoridade Portuaria”, valora o presidente da mesma, José Manuel Vilariño. Así mesmo, agrega: “O panorama para os próximos meses virá determinado pola incerteza que xera a crise do covid-19 e, sobre todo no noso caso, polas respostas ás súas necesidades que poida obter a industria electrointensiva”.