A actividade nos portos de Ferrol e San Cibrao aumenta no arranque deste ano un 16,1% en comparación co 2018, aínda que os expertos alertan dunha moi probable desaceleración brusca do mercado ao longo dos próximos meses. 

Carbón e bauxita lideran o crecemento de tráficos rexistrados entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo.

Ferrol, 5 de abril de 2019

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao pechou o primeiro trimestre do 2019 rexistrando nas súas instalacións un tránsito de materias primas, materiais e produtos lixeiramente superior aos tres millóns e medio de toneladas. Este arranque de ano sitúase no podio dos mellores da historia da institución. Non obstante, os analistas do sector coinciden en alertar dunha moi probable desaceleración brusca do mercado nos próximos meses.  

As empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron dende o 1 de xaneiro ata o 31 de marzo un total de 3.508.794 toneladas de mercancías, segundo datos aínda provisionais. Como pode apreciarse no gráfico que complementa esta información, dita cifra é un 21 % superior á media da actividade dos tres últimos lustros e supón un avance de 16,14 puntos porcentuais respecto ao mesmo período do 2018. De feito, na serie histórica este inicio de exercicio iguala practicamente aos do 2014 e 2012, quédase por debaixo do contabilizado no 2017 e supera folgadamente a todos os demais.  

Globalmente, o tráfico de graneis líquidos alcanzou as 390.583 toneladas; o de sólidos, que é o máis importante, as 2.954.784; e o de mercancía xeral, as 163.426. O primeiro caeu un 14,6 % en comparación co 2018, mentres que o segundo e o terceiro subiron, respectivamente, un 20,8 e un 37,7 %.  

O ránking de mercancías do primeiro trimestre transluce a importancia que a enerxía e a metalurxia continúan tendo nos peiraos de Ferrol e San Cibrao. Porque esa clasificación lidéraa o carbón, con 1.506.117 toneladas movidas, seguido pola bauxita, con 1.076.271. Xa a moita maior distancia, a táboa complétana nos seus postos altos a alumina (270.922 toneladas), o gas natural licuado (201.901), a sosa cáustica (70.633), a chatarra (69.025), os eléctrodos (65.213), os aceite (46.687), o aceiro (43.946) e o biodiésel (29.852). Fóra deste top 10 en termos brutos, sobresae tamén o comportamento do movemento de contedores, cun incremento relativo do 3.002 %. 

 Con este balance, a Autoridade Portuaria cumpre sobradamente o obxectivo marcado na súa planificación estratéxica: acumular un medio mensual dun millón de toneladas transportadas nas súas dársenas. Con isto consolídase entre as catro principais institucións da súa clase da fachada noratlántica-cantábrica, xunto coas de Bilbao, Gijón e A Coruña.  

“Estamos ante un bo trimestre, moito mellor que o inicial do ano pasado. Pero debemos ser extremadamente prudentes nas previsións para o que queda de exercicio. O que nos están dicindo todos os analista é que no curto prazo avecíñase probablemente unha desaceleración”, valora o presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Vilariño.