A AUTORIDADE PORTUARIA PECHA O PRIMEIRO SEMESTRE DE 2019 ROZANDO A SÚA MEDIA DE ACTIVIDADE NESTA DÉCADA
A institución consegue o seu obxectivo estratéxico de anotarse unha media anual dun millón de toneladas transportadas
Aceites, chatarra, madeira e sosa cáustica palían o retroceso dos demais tráficos significativos
As empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao están movendo este ano un 6,2 % menos de mercancías que no ano pasado.
Ferrol, 4 de xullo de 2019
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acaba de pasar o ecuador do ano cumprindo o seu obxectivo estratéxico de anotarse unha media mensual dun millón de toneladas transportadas nas súas instalacións. Sen embargo, o balance de actividade do primeiro semestre de 2019 reflexa un retroceso moderado respecto a 2018 e leve en comparación coa media de actividade da presente década. No top 10 dos tráficos, non en vano, só catro deles palían unha caída xeneralizada de movementos que xa se tiña prevista.
Segundo datos aínda provisionais, as empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron ente o 1 de xaneiro e o 30 de xuño deste ano 6.122.978 toneladas de mercancías. O descenso en relación con igual período do exercicio anterior é de 6,2 %. Abrindo o foco ao ocorrido dende 2010 ata agora, a caída quédase nos 1,3 puntos porcentuais.
Para chegar ata esta metade do 2019 a Autoridade Portuaria atravesou antes un fantástico xaneiro (+47,4 %), un bo febreiro (+16,7 %), un maio positivo (+0,5 %), un marzo discreto (-4,6 %) e uns moi malos abril (39,3 %) e xuño (-31,4 %). En suma, 404.640 toneladas menos que a estas mesmas alturas de 2018.
Nestes resultado subxace unha contracción xeneralizada dos mercados, con regresións de 4,4 puntos porcentuais no segmentos dos graneis sólidos, de 13,5 no dos líquidos e de 7,9 no da mercancía xeral. Tamén se resenten os nichos de negocio residuais: pesca, avituallamentos, transbordos e movementos interiores. Os portos de Ferrol e San Cibrao vense afectados polo forte proceso de transición enerxética que vive Europa.
A clasificación de mercancías do primeiro semestre deste ano lidérao a bauxita, con 2.027.799 toneladas movidas, seguida de cerca polo carbón, con 1.991.771. Xa a maior distancia, a clasificación complétana nos seus postos altos a alumina (594.728 toneladas), o gas natural licuado (287.323), o fuel óleo (170.365), a chatarra (142.687), a sosa cáustica (135.069), os aceites (131.175), a madeira (131.173) e o biodiésel (103.212).
Entre os grandes tráficos, en termos relativos, soamente presentan evolucións os aceites, a madeira, a sosa cáustica e a chatarra, con subidas, respectivamente, do 16,4, o 6,9, o 6 e o 5,9.
No resto da desagregación da estiba e desestiba merecen mención destacada tamén os movementos de magnesita e taboleiro, con picos de 34,4 e 61,9 puntos porcentuais, e, sobre todo, os contedores, cun avance do 831,7 % se se mide en toneladas e do 561,1 % se se estima en TEUs.
As cifras do semestre mostran igualmente un retroceso no mercado dos cruceiros (-19,3 %), neste caso atribuíble maioritariamente a cancelacións de escala por mal tempo.
Descende, por último, o número de grandes buques chegados a Ferrol e San Cibrao: 534 no primeiro semestre de 2019 fronte a 574 no inicial de 2018.
“É certo que continuamos cumprindo o noso obxectivo estratéxico de actividade, pero tamén o é que xa estamos empezando a pagar a brusca desaceleración do mercado que tiñamos prevista”, valora o presidente da Autoridade Portuaria, Xosé Manuel Vilariño, quen agrega: “Continuamos, con todo, consolidados entre os catro principais portos da fachada noratlántica-cantábrica, xuntos cos de Bilbao, Gijón e A Coruña”.