A AUTORIDADE PORTUARIA PECHA 2019 NA LIÑA DO PREVISTO NA SÚA NOVA PLANIFICACIÓN ESTRATÉXICA
As empresas que operan nas dársenas de Ferrol e San Cibrao moveron nos últimos 12 meses algo máis de 11,1 millóns de toneladas de mercancías.
A actividade nas instalacións retrocede un 18,6 % lastrada pola aceleración da transición enerxética.
A APFSC profundiza na procura de tráficos alternativos e reclama de novo que se favoreza o desenvolvemento das industrias electrointensivas, así como un cambio de modelo económico ordenado, xusto e non lesivo para a zona.
Ferrol, 2 de xaneiro de 2020
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao vén de pechar 2019 cun resultado na liña do previsto no seu plan de empresa, que actualizou á baixa en setembro pasado. Lastrada polas consecuencias da aceleración da transición enerxética, a actividade caeu algo máis dun 18 % en relación con 2018: 11,15 millóns de toneladas de mercancías movidas fronte a 13,7. A Autoridade Portuaria busca tráficos alternativos que permitan invertir a tendencia, ao tempo que reclama de novo que se favorezca o desenvolvamento das industrias electrointensivas e que se leve a cabo un cambio de modelo económico ordenado, xusto e non lesivo para os intereses da área de influencia.
Segundo datos todavía provisionais, as empresas que operan nas dársenas de Ferrol e San Cibrao cargaron e descargaron entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro 11.152.879 toneladas de materias primas, materiais e produtos. Iso supón alcanzar o obxectivo fixado o pasado verán, descender 2,7 puntos porcentuais respecto á media de actividade deste siglo e baixar 18,6 en comparación cos tránsitos rexistrados en 2018, mellor exercicio, xunto co de 2012, na historia das instalacións.
Mentres as mercancías xerais se mantiveron en niveis similares aos de 2018 (+ 0,9 %) e os graneis líquidos experimentaron un avance do 6 %, os sólidos caeron un 24,7. Aínda que de importancia menor no conxunto do balance, tamén deron un paso atrás os avituallamentos, os tráficos interiores, os transbordos e a pesca.
O ránking de mercancías de 2019 lidérao a bauxita, con 3.966.686 toneladas movidas, seguida polo carbón, con 2.162.592, todas elas desestibadas entre xaneiro e xuño. Xa a maior distancia, completan a clasificación nos seus 15 postos nobles a alúmina (1.167.716 toneladas), o gas natural licuado (902.826), o fueloil (520.510), a madeira (331.472), a chatarra (290.189), os aceites (289.730), a sosa cáustica (270.252), o biodiésel (209.101), o aceiro (150.771), a pedra e grava (147.027), o coque (76.043), o papel (62.224) e o metanol (55.264).
Madeira, fueloil, aceites, chatarra e GNL, á alza
Entre os dez grandes tráficos, en termos relativos, as mellores evolucións preséntanas a madeira, o fueloil, os aceites, a chatarra e o GNL, con subas, respectivamente, do 34, do 18,6, do 15,3, do 7,6 e do 6,3 %. No resto do desglose merecen mención destacada tamén os movementos de pedra e grava, que da nada pasaron a 147.027 toneladas, e de papel, cun repunte de 19,3 puntos porcentuais (de 52.153 a 62.224 toneladas).
No resultado do exercicio destaca igualmente o comportamento tido pola mercancía conterizada. Medida en peso, disparouse un 116,3 %, ata alcanzar as 95.506 toneladas. O número de TEUs, entretanto, aumentou un 82,6 %, desde os 4.532 ata os 8.275. Este progreso é froito da entrada en servizo, en xuño de 2018 no porto exterior, dunha liña regular internacional de contedores.
No polo oposto, a Autoridade Portuaria paga o forte proceso de transición enerxética que atravesa Europa. Por condicións de mercado e regulatorias, este fenómeno afecta gravemente á xeneración de enerxía con carbón en España, onde as industrias electrointensivas tamén están sufrindo problemas de competitividade. Isto está condicionando sobremaneira a actividade nas dársenas de Ferrol e San Cibrao, historicamente vinculadas á enerxía. De feito, o balance de 2019 explícase reparando unicamente no que descenderon os movementos de carbón (de 4.730.190 toneladas a 2.162.592, un 54,3 %), de bauxita (de 4.240.042 a 3.966.686, un 6,5 %) e de alúmina (de 1.199.435 a 1.167.716, un 2,6 %).
A oportunidade do PIF
Consciente desta situación, a Autoridade Portuaria iniciou hai anos unha política de diversificación de tráficos na que profundizará e que de momento xa ten fructificado, por exemplo, na inauguración da citada liña regular de contedores. Ten emprendido igualmente inversións para mellorar a conectividade e competitividade das súas instalacións, como a construción do acceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol, obra actualmente en execución. Así mesmo, apoia proxectos clave no novo modelo económico, maiormente, a creación do gran hub de GNL do noroeste ibérico. Ademais, está tomando medidas para tratar de convertir o Brexit nunha oportunidade, propósito que subxace na recente activación na dársena de Prioriño dun posto de inspección fronteiriza (PIF), un servizo que permitirá a captación de mercancías de orixe animal destinadas ao consumo humano que proveñan de países de fóra da UE.
No curto prazo, non obstante, agárdase para 2020 unha nova caída de actividade, algo xa previsto no plan de empresa da institución, que esta, nun exercicio de responsabilidade, viuse obrigada a correxir a finais do pasado veráno. Con todo, a Autoridade Portuaria segue avogando por acometer unha transición enerxética ordenada, xusta e non lesiva para os intereses da comunidade portuaria nin para os da súa área de influencia. Ademais, cre de vital importancia a aprobación urxente dun estatuto que permita ás empresas electrointensivas planificar a súa gestión e dispor dunha tarifa competitiva e estable que asegure o seu futuro.