• A institución consegue pechar o período xaneiro-setembro cun dos catro mellores resultados da súa historia
•Os movementos de carga e descarga rexistrados nas dársenas da entidade durante o presente exercicio sitúanse un 10,6 % por enriba da media do últimos tres lustros
•Os graneis sólidos lideran a actividade nos portos de Ferrol e San Cibrao, cunha cota de mercado próxima ao 79 %

Ferrol, 9 de outubro de 2018. A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao encara o último trimestre de 2018 coa expectativa de superar de lonxe este ano os 12 millóns de toneladas de mercadorías movidas nas súas instalacións. Se se confirma este prognóstico, a entidade cumpriría os obxectivos sinalados na súa programación estratéxica. Consecuentemente, consolidarase entre as catro primeiras autoridades portuarias da fachada noratlántica-cantábrica, xunto ás de Bilbao, Xixón e A Coruña.
Esta proxección baséase nunha análise do mercado a curto prazo e tamén do ocorrido nas dársenas de Ferrol e San Cibrao ao longo dos tres primeiros trimestres do presente exercicio. Segundo datos aínda provisionais, as empresas que operan nos devanditos peiraos moveron nese período de tempo 9.930.320 toneladas de mercadorías. A estas alturas do ano nunca na historia da institución se alcanzou tal cifra, coas únicas excepcións de 2012 (10.412.923), 2017 (10.228.387) e 2008 (9.939.697).
Respecto ao sucedido no intervalo de xaneiro a setembro do ano pasado, estes algarismos supoñen un descenso de actividade do 2,9 %, mentres que en comparación co acaecido na media do últimos tres lustros representan un avance de 10,6 puntos porcentuais, como queda reflectido no gráfico que ilustra esta información. A entidade chegou a estes inicios de outubro nunha boa posición a pesar de ver lastrado o seu balance por números claramente negativos en xaneiro, febreiro e setembro. Na outra cara da moeda, en abril logrou un histórico aumento do 40,8 %; en xuño, un do 23,9 %; e en xullo, outro do 35,7 %. En marzo, maio e agosto, namentres, producíronse flutuacións moito máis suaves, dun só díxito, de entre o – 7,7 % e o + 9,9 %.
Cunha cota de mercado próxima ao 79 %, é o segmento dos graneis sólidos o que está a tirar da economía portuaria actualmente: nos nove primeiros meses de 2018 estibáronse e desestibáronse 7.836.217,76 toneladas de mercadorías deste tipo, practicamente a mesma cantidade que en iguais datas de 2017.
No apartado da mercadoría xeral tampouco se produciron grandes cambios, con 580.776,19 toneladas contabilizadas. Si houbo un descenso acusado de actividade no campo dos graneis líquidos, no que as toneladas rexistradas baixaron de 1.721.701,01 a 1.487.168,78. No resto de tráficos (interior, avituallamentos, transbordos…), o avance foi desde as 17.921,8 do ano anterior ata as 26.157,27 deste ano.
O ranking de mercadorías que pasaron polos peiraos de Ferrol e San Cibrao entre xaneiro e setembro reflicte a forte compoñente de portos enerxéticos que teñen ditas dársenas. Esa clasificación lidéraa o carbón, con 3.446.280,45 toneladas computadas, seguido da bauxita, con 3.051.591,91, e a alúmina, con 904.539,12. Completan o top 10 o gas natural licuado (528.306,85), o fuel (325.211,71), a chatarra (213.791,82), a madeira (181.074,79), o biodiésel (174.705,96), os aceites (169,073,54) e o aceiro (124.421,32).
Con todo, en termos relativos, o mellor dos comportamentos detéctase noutro mercado: o dos contedores, cun avance de 1.436 puntos porcentuais entre os tres primeiros trimestres de 2017 e de 2018. Produto da apertura no porto exterior de Ferrol dunha nova liña regular da naviera MacAndrews, as toneladas cargadas e descargadas en contenedores progresaron desde as 1.526,46 ata as 23.456,78.