A AUTORIDADE PORTUARIA DE FERROL-SAN CIBRAO DÁ LUZ VERDE A UN INVESTIMENTO DE 16,6 MILLÓNS NA TERMINAL DE REGANOSA
A compañía con sede en Mugardos incorporará á súa planta un compresor que maximiza o aproveitamento da enerxía e permite prestar todo tipo de servizos loxísticos en calquera momento
O consello de administración tamén aproba un convenio coa Universidade da Coruña para mellorar a operatividade do porto de Ferrol aplicando a I+D+i
Ferrol, 6 de outubro de 2023
O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao deu luz verde esta mañá a un investimento de 16,6 millóns na terminal de gas natural licuado (GNL) de Mugardos, que levará a cabo Reganosa. Con ese desembolso, a compañía planea incorporar ao complexo un punteiro sistema que maximiza o aproveitamento da enerxía e permite prestar todo tipo de servizos loxísticos en calquera momento.
Dentro dos tanques de almacenamento das regasificadoras xéranse uns vapores coñecidos como BOG (boil off gas) en xerga do sector. En circunstancias habituais, na planta de Mugardos esas existencias recupéranse como GNL nun equipo denominado relicuador e posteriormente intégranse na corrente que se regasifica e envía á rede de gasodutos de alta presión. Con todo, en momentos puntuais de escasa emisión á rede por baixa demanda ou de parada por mantementos ou outras circunstancias, non todo o BOG pode ser relicuado e condiciona a operación da terminal.
Tras a modificación non substancial da concesión portuaria acordada hoxe, Reganosa instalará un sistema de compresión que está deseñado para independizar o manexo deses vapores do nivel de regasificación da planta, mercé a un proxecto que xa conta tamén co visto e prace do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Así, no futuro, sen importar o volume de emisión á rede que se estea levando a cabo, o complexo poderá ofrecer separadamente todo o catálogo de servizos previstos na regulación: postas en frío, cargas de grandes buques, aprovisionamentos de pequenos barcos ou postas en gas.
Outros asuntos
Ademais, a Autoridade Portuaria e a Universidade da Coruña uniranse para mellorar a competitividade do porto de Ferrol aplicando a I+D+i. O consello de administración aprobou a firma dun convenio entre ambas as institucións para o desenvolvemento dunha investigación sobre os factores implicados na operatividade, así como un estudo de mellora e transferencia de tecnoloxía para a explotación do mesmo.
A funcionalidade dun porto vén determinada pola súa accesibilidade, as características dos peiraos e a axitación no interior do mesmo. As condicións de atracada e de carga e descarga dos buques ou os esforzos sobre barcos e amarras están condicionadas pola acción das oscilacións do mar e as correntes asociadas no exterior e o interior do porto. Mellorar a súa predición para optimizar a explotación e planificar as actuacións de fronte ao futuro é o obxecto deste acordo que ten unha duración de 4 anos. Para iso requírese un proxecto de I+D+i para investigar os factores implicados na operatividade do porto de Ferrol. A información obtida permitirá así mesmo o desenvolvemento dunha ferramenta preditiva, baseada na intelixencia artificial, que sirva de apoio na explotación actual e permita mellorar as operacións dos buques, así como a xestión diaria.
Neste sentido, tanto a Universidade como a Autoridade Portuaria comparten a vocación de contribuír ao desenvolvemento de actividades de investigación e científicas que acheguen solucións innovadoras nun marco de fomento da eficiencia e a sustentabilidade ambiental.