O consello de administración autoriza a M.H.Bland a prestar o servizo no porto de Ferrol cunha previsión de 44 escalas en 2024

O novo consignatario está implantado en 16 portos da Península Ibérica, o norte de África e o Mediterráneo

Ferrol, 1 de decembro de 2023

O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou esta mañá a autorización para unha nova empresa que se incorpora así á comunidade portuaria. Trátase de M.H. Bland SL. que prestará o servizo de consignación de buques e mercadorías no porto de Ferrol. A empresa pasará a exercer en 2024 como consignatario coa previsión de realizar ao redor de 44 escalas ao longo do próximo ano. A autorización foi concedida por un período de 10 anos.

M.H. Bland SL. é a rama española dun grupo de orixe gibraltareño cuxa actividade no mundo mariño remóntase a 1810. Conta cunha ampla implantación, con oficinas dedicadas á consignación, en 16 portos de España, Xibraltar, o norte de África e o Mediterráneo. Trátase concretamente dos portos de Xibraltar, Alxeciras, Barcelona, Bilbao, Ceuta, Cartaxena, Huelva, As Palmas, Tenerife, Valencia, Malta, Tánxer, Agadir, Casabranca, Jorf Lasfar e Nador.

Ademais da actividade de consignación, o grupo ten empresas dedicadas a outras ramas do negocio marítimo como a estiba, a provisión de buques ou a limpeza de cascos. Tamén conta con firmas centradas na atención a cruceiros e a xestión de atraccións turísticas.

Outros asuntos O órgano de dirección da Autoridade Portuaria tamén deu o visto e prace á aprobación provisional do plan de emerxencia interior do porto de San Cibrao. Trátase dunha actualización do plan xa existente para adaptalo ao convenio asinado entre a Dirección Xeral da Mariña Mercante e Portos do Estado para a xestión de emerxencias nos portos e instalacións que integran o sistema portuario de titularidade estatal.

O acordo establece un compromiso de colaboración no exercicio das funcións propias de cada entidade cando un buque está involucrado na emerxencia e especifícanse as competencias relativas á dirección da emerxencia.