A AUTORIDADE PORTUARIA DE FERROL-SAN CIBRAO APROBA A ADXUDICACIÓN DO CONTRATO DE SUBMINISTRACIÓN ELÉCTRICA PARA TODAS AS SÚAS INSTALACIÓNS
A empresa Nexus Enerxía encargarase deste servizo durante dous anos por un importe de 986.649 euros
Ferrol, 27 de setembro de 2019
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acordou a semana pasada a adxudicación do contrato de subministración eléctrica para todas as súas instalacións. Ao concurso público presentáronse catro empresas e finalmente a gañadora foi Nexus Enerxía que se encargará deste servizo durante os próximos dous anos por un importe global de 986.649,87 euros. Estímase que o aforro en mesmas condicións de demanda que en anos anteriores podería superar o 10%.
Na reunión do máximo órgano do ente presidido por José Manuel Vilariño tamén se deu luz verde á adxudicación do contrato do mantemento telemático, que inclúe o funcionamento dos servidores e a rede interna, as cámaras de seguridade e de control de acceso e as barreiras. A compañía Tecnoloxías Plexus levará a cabo este servizo durante os próximos dous anos por un importe 218.900 euros.
Así mesmo, o Consello de Administración aprobou un modificado de crédito para incrementar ao máximo os niveis de control no desenvolvemento das obras do ferrocarril ao porto exterior. En concreto, libérase unha partida para un futuro estudo hidroxeolóxico e a auscultación de vivendas na contorna da Graña. O importe deste modificado para esta asistencia técnica é de 81.000 euros.
Por último, acordouse o rescate da concesión dos terreos da gasolineira das Pías que explotaba o grupo Beta Renowable.