A AUTORIDADE PORTUARIA CONFIRMA O SEU REGRESO Á SENDA DO CRECEMENTO
• Tras anotarse o mellor abril da súa historia e despois dun gran marzo, remonta o discreto comezo de ano e consegue pechar o primeiro cuadrimestre en cifras próximas ás do exercicio pasado
• Por primeira vez no que vai de 2018 aumentan á vez a estiba e
desestiba de mercadorías xerais, de graneis sólidos e de líquidos
Ferrol, 8 de mayo de 2018. A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao retomou a senda do crecemento. Isto xa é un feito. A tendencia que comezaba a asomar en marzo viuse agora confirmada no último balance de actividade rexistrada nas instalacións da institución. As empresas que operan nelas moveron o mes pasado algo máis de 1,25 millóns de toneladas, cifra un 40,8 % superior á do mesmo período do ano anterior. En tráfico de mercadorías, este dato converte ao de 2018 no mellor abril de toda a historia da entidade, por diante do que ata este momento marcaba o récord: o de 2010.
Nos peiraos da Autoridade Portuaria acreditouse o mes pasado un movemento de 1.256.226 toneladas de mercadoría, segundo datos provisionais. En global, o tráfico de graneis líquidos alcanzou as 217.151 toneladas; o de sólidos, que é o máis importante, as 942.361; e o de mercadoría xeral, as 95.466. Trátase dunha tripla subida inédita ata agora no presente exercicio. As toneladas de avituallamentos baixaron desde as 1.394 ata as 1.228.
O ranking de mercadorías liderouno a bauxita, con 451.972 toneladas movidas, seguida do carbón, con 350.738; a alúmina, con 109.276; o fuel, con 91.652; o gas natural licuado, con 58.609; a madeira, con 51.949; e o biodiésel, con 26.349. O top ten completárono a chatarra (17.117 toneladas), o aceiro (16.502) e o coque (11.165).
Este gran abril, unido ao bo marzo precedente, permitiu á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao volver aos números negros no cómputo interanual de tráficos, unha posición que por unha cuestión conxuntural perdera no primeiro bimestre do presente exercicio. Así, as contas dos últimos 12 meses reflicten un movemento de 13.253.288 toneladas, un 2,21 % máis que nos 365 días anteriores.
Grazas a esta remontada experimentada no período marzo-abril, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao consolídase entre as catro primeiras da fachada noratlántica-cantábrica. Como mostra a gráfica superior, conseguiu pechar o cuadrimestre inicial de 2018 moi por enriba da media histórica e en cifras próximas ás de 2017, con 4.281.458 toneladas cargadas e descargadas. É dicir, está a cumprir o seu obxectivo estratéxico de rexistrar mensualmente unha media de polo menos un millón de toneladas.