“VAI DEMAR” LEVA A ILUSTACIÓN INFANTIL E XUVENIL GALEGA AO PORTO DE FERROL
A exposición abre as súas portas este venres ao mediodía no peirao de Curuxeiras
O comisario da mostra reúne as obras de 17 ilustradores como Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Xan López e Suso Cubeiro
Ferrol, 12 de xuño de 2019
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao organiza unha exposición de ilustración infantil e xuvenil que reúne as obras de 17 artistas galegos baixo o título de Vaidemar. Os debuxos que protagonizan os libros e contos para os máis pequenos son obras de arte con identidade propia. Por iso, o Porto de Ferrol quere poñelos en valor e dedicarlles esta mostra na sala de exposicións do peirao de Curuxeiras. A apertura de portas é este venres ás 12:00 horas.
O comisario da exposición Vaidemar, Antonio Seijas, explica que as obras seleccionadas son “miradas ao mar” e que esta é a temática común de toda a mostra. En canto ao criterio para escoller aos ilustradores, Seijas conta que se tivo en conta que teñan obra publicada dende o ano 2000 ata agora. Miguelanxo Prado, Xan López, Kiko da Silva e Suso Cubeiro son algúns dos ilustradores que mostrarán os seus traballos inspirados no mar.
A exposición poderase visitar de martes a domingo, de 11:30 a 13:30 e de 17:30 a 20:30 horas, ata o próximo 30 de xuño.