UNHA NOVA MOSTRA-TALLER DE ENCAIXE CHEGA Á SALA DE EXPOSICIÓNS DO PORTO DE FERROL
Ferrol, 4 de novembro de 2021
A Sala de Exposicións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao será desde mañá e ata o domingo o escenario dunha nova mostra-taller de encaixe. Nesta ocasión, presentaranse no Porto de Ferrol ao redor de 30 traballos de Alicia Sevilla. A artista, natural de Aguilar de Campoo, na provincia de Palencia, leva 23 anos realizando estas pezas de artesanía con diferentes materiais como o fío de algodón, a seda, o liño ou o arame e diferentes estilos, desde o tradicional galego ata o francés ou inglés. Esta actividade ademais conta cun taller no que artesás da comarca estarán a facer demostracións de comezos e remates de encaixe, os pasos indispensables para penetrarse nesta arte.
A inauguración de mostra-taller está prevista para as 12 horas do venres e xa pola tarde poderase visitar no horario habitual de tarde, de 16 a 20 horas. Durante a fin de semana, o horario de mañá será de 11 a 14 horas e pola tarde, de 16 a 20 horas.