O segundo e o terceiro premio do certame convocado pola Autoridade Portuaria recaeron en “Volviendo” e “Curuxeiras a través da argola” respectivamente

As autoras dos tres traballos destacados recollerán os premios nun acto que terá lugar mañá venres na sala de exposicións do peirao de Curuxeiras

A APFSC reúne as mellores imaxes nunha mostra que permanecerá aberta ata o 8 de maio e na que se poderá descubrir a visión que os máis novos teñen das instalacións portuarias e a súa actividade

Ferrol, 28 de abril de 2022

A segunda edición do concurso de fotografía infantil e xuvenil “Puerto y Ciudad” xa teñen gañadores. O xurado formado polo presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea, o director da APFSC, Jesús Casás, e o fotógrafo da Voz de Galicia, José Pardo, seleccionaron a fotografía “O cabo do peirao” realizada pola moza María Sardiña Montero, de 15 anos, como a máis destacada das que se presentaron ao certame. Así mesmo, resaltaron tamén os traballos “Volviendo”, de Celia González Vizoso de catorce anos de idade, e “Curuxeiras a través da argola”, de Isabel Iglesias Bujones, de 17 anos, otorgándolles o segundo e terceiro premio respectivamente. O xurado valorou especialmente a orixinalidade, a calidade técnica e a creatividade dos traballos presentados.

As tres gañadoras do certame convocado por segundo ano consecutivo pola Autoridade Portuaria recibirán como premio unha cámara fotográfica instantánea que recollerán no acto que se celebrará mañá venres, 29 de abril, ás 18:00 horas na sala de exposicións da Autoridade Portuaria. Ademais, o presidente da APFS, Francisco Barea, entregará tamén ao gañador do certame unha réplica do Faro de Prior.

Unha exposición cos mellores traballos

Coincidindo coa entrega de premios inaugúrase tamén unha exposición na que se poderán contemplar as fotografías presentadas ao concurso e que mostran a visión que os máis novos teñen das instalacións portuarias e da súa actividade.

As imaxes, todas elas orixinais, foron realizadas por persoas de entre 12 e 17 anos que puxeron o foco nas temáticas relacionadas co mar, as instalacións e as actividades que se levan a cabo no peirao de Curuxeiras. O obxectivo desta segunda edición do concurso fotográfico “Puerto y Ciudad” é que os nenos e os mozos se acheguen á realidade portuaria e transmitan a súa percepción a través dunha fotografía.

A exposición estará aberta ao público ata o 8 de maio, desde as 11:30 horas as 13:00 horas e desde as 18:00 horas ata as 20:00 horas.