O exercicio realizarase na dársena interior mañá xoves, 26 de febreiro, e contará coa participación das distintas forzas e corpos de seguridade, empresas portuarias e persoal da APFSC

A actuación afectará o tráfico xa que se pecharán os accesos á Estrada Baixa e Paseo da Mariña entre as 11:00 e as 14:00 horas

Ferrol, 25 de febreiro de 2026

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao poñerá a proba este xoves, 26 de febreiro, a eficacia e a implantación dos diferentes plans de emerxencia mediante a realización dun simulacro de simulacro de emerxencia e protección. Desenvolverase entre as 11: 00 e as 14:00 horas, no porto interior de Ferrol e nas inmediacións, e afectará tanto á actividade portuaria como á circulación no Paseo da Mariña e a Estrada Baixa que permanecerán pechadas durante o simulacro.

O exercicio contará coa participación do persoal da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a policía portuaria e diferentes forzas de seguridade e outras administracións: Policía Nacional, Garda Civil, Policía Local, bombeiros, 112, Capitanía Marítima de Ferrol, Remolcadores de Ferrol, Amarradores do Porto e Ría de Ferrol, o Intecmar e a Armada.

Durante a actividade simularase un incremento do nivel de protección pola sospeita dunha ameaza de ataque ao porto. Unha ameaza que posteriormente se confirmará ao descubrirse varios artefactos explosivos en distintos puntos da zona portuaria, así como nun buque atracado no peirao do Cerramento Norte. Ante esta situación procederase a activar os diferentes plans existentes, o que implicará a evacuación de distintas zonas e edificios portuarios, a aplicación de procedementos de coordinación coas distintas forzas e corpos de seguridade do Estado, así como outras administracións e a activación do procedemento anticontaminación, xa que se simulará tamén a vertedura dun produto contaminante nas inmediacións do buque e nun radio dun quilómetro.

A realización do simulacro afectará ao normal funcionamento dos controis de acceso ao porto interior, ao peirao Fernández Lareda e á actividade dos edificios administrativos, entre eles a sede da Autoridade Portuaria, xa que algúns inmobles terán que ser evacuados. Tamén haberá cortes de tráfico e desvíos na zona. Pecharase a Estrada Baixa e o Paseo da Mariña. Habilitaranse desvíos pola Estrada Alta, para o tráfico que veña pola rúa Breogán, e tamén por Costa de Mella.

Desde a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao recomendamos evitar a zona portuaria entre as 11:00 e as 14:00 horas do xoves, 26 de febreiro, e lamentamos as molestias que poida causar a realización deste exercicio que redunda nunha maior seguridade e protección do porto de Ferrol.