ÚLTIMOS DÍAS PARA PRESENTAR OS TRABALLOS PARA O SEGUNDO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA “PORTO E CIDADE”
O día 22 deste mes péchase o prazo para que os participantes envíen os seus traballos ao xurado do certame
A Autoridade Portuaria anima a todos os ferroláns de entre 12 e 17 anos a tomar imaxes de temática relacionada co mar, as instalacións e as actividades realizadas no peirao de Curuxeiras
Ferrol, 19 de abril de 2022
Os ferroláns de entre 12 e 17 anos que queiran participar no segundo concurso de fotografía Porto e Cidade teñen ata o vindeiro venres para presentar os seus traballos. O certame, convocado por segundo ano pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, pretende achegar aos máis novos a realidade da actividade portuaria e a súa vinculación coa cidade.
Nesta segunda edición do concurso pode participar calquera persoa de entre 12 e 17 anos, ambas as idades inclusive. Os interesados deberán presentar imaxes tomadas ata o venres 22 de abril, o día no que se pecha o prazo de recepción dos traballos. As instantáneas que se presenten deberán ser inéditas e en formato dixital. A súa temática estará directamente relacionada co mar, as instalacións e as actividades realizadas no ferrolán peirao de Curuxeiras.
As fotografías -soamente una por aspirante- teñen que ser enviadas á conta de correo electrónico puertoyciudad@apfsc.es, indicando un título ou lema, o nome e apelidos do autor, a súa idade e un número de teléfono de contacto.
As mellores imaxes integrarán unha mostra especial que acollerá a sala de exposicións do porto, e tres delas serán premiadas con cámaras de impresión instantánea.
As bases do concurso poden consultarse na web www.apfsc.com.