TERMINAL DE LÍQUIDOS FERROL SUPERA O TRÁMITE DE COMPETENCIA DE PROXECTOS PARA OCUPAR PARTE DA ANTIGA ENTABAN
O consello de administración resolve en favor desta compañía fronte á outra oferta que se presentou para instalarse en 20.960 metros cadrados de Caneliñas.
O ente que preside Indalecio Seijo tamén deu luz verde á licitación das obras da segunda fase da rede interna de ferrocarril da dársena exterior.
Ferrol, 1 de xullo de 2021
A reunión do consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao correspondente ao mes de xuño que se celebrou esta semana serviu para resolver o trámite de competencia de proxectos relativo á solicitude presentada pola empresa Terminal de Líquidos Ferrol, S.L. para a ocupación en réxime de concesión administrativa dunha parcela de 20.960 metros cadrados no porto exterior de Ferrol. O obxecto da concesión é a “adecuación e explotación dunha planta de almacenamento de combustibles” en Caneliñas. Das dúas ofertas presentadas ante a Autoridade Portuaria, o ente que preside Indalecio Seijo resolveu, conforme aos criterios e disposicións que marca a lexislación vixente, continuar tramitando a solicitude presentada por Terminal de Líquidos Ferrol e descartar a do segundo ofertante presentado. Esta segunda oferta tiña como obxecto tamén o almacenamento de combustibles.
Así mesmo, o consello aprobou o expediente e a licitación das obras da segunda fase da rede interna de ferrocarril en Caneliñas. O orzamento base de licitación é de 1,2 millóns de euros e ten un prazo de execución de 3 meses. Este expediente forma parte do proxecto 2019-É- TA-0032- M financiado pola Unión Europea no marco do mecanismo CEF “ Connecting Europe Facility” e contribúe á mellora das conexións ferroviarias aos portos marítimos e ao seu desenvolvemento.
O bar do xardín da Ranita
Neste mesmo encontro, o máximo organo reitor da Autoridade Portuaria renovou a concesión do café-bar que se atopa situado no xardín da Ranita. O popular establecemento de hostalería continuará en mans de Manuel Bueno Casal durante outros cinco anos. Pérez e Cía, Pérez Torres e Telefónica Móviles tamén obteñen novas concesións sobre inmobles que xa ocupaban para realizar a súa actividade.
Doutra banda, o consello aprobou a modificación non substancial da concesión de titularidade da Confraría de Pescadores de Ferrol para posibilitar a instalación de placas fotovoltaicas na lonxa do porto de Ferrol. Un proxecto que prevé un aforro enerxético próximo ao 78 % sobre o funcionamento ordinario do edificio. Nesa mesma contorna e pactada co pósito, déuselle luz verde a unha nova ordenanza para a regulación de estiba e provisión de aparellos e outros aveños necesarios para o desenvolvemento da actividade dos usuarios da área pesqueira-marisqueira do porto de Ferrol.
E, por último, o consello, en boca do seu presidente, aproveitou para despedirse do Almirante do Arsenal, D. Antonio Duelo, que tamén cesa nas súas funcións como conselleiro da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e ao que o consello agradeceulle a súa especial dedicación durante o tempo en que formou parte do mesmo.