• A OPERACIÓN FOI REALIZADA POR EXPLOTACIÓNS FORESTAIS RUDIVE E POLO IMPORTADOR GLOBAL TIMBER TRADING, E HAI MÁIS PREVISTAS
• O PORTO EXTERIOR DE FERROL, CON 20 METROS DE CALADO E 1.500 METROS DE PEIRAO, PERMITE ESTES EMBARQUES DE GRANDES MAGNITUDES

Ferrol, 11 de abril de 2018.– O buque “ Feyha” cargou no porto exterior de Ferrol 35.000 toneladas de tronco de piñeiro galego con destino a Asia. É o segundo embarque de madeira galega de exportación ao devandito continente levada a cabo nesta instalación e a maior realizada ata hoxe.
A operación foi realizada pola empresa española con sede en Madrid e oficina en Shangai (China) Global Timber Trading ( GTT), empresa de comercio internacional nexo de unión en España con grandes grupos importadores asiáticos. Hai máis embarques previstos.
O exportador desta operación foi a empresa galega Explotacións Forestais Rudive, con décadas de experiencia no sector madereiro.
Desde GTT e Rudive sinalan que “grazas á unión destas dúas empresas, o sector forestal galego abriu un mercado novo cheo de futuro á parte do mercado tradicional que xa existe; a través desta exportación xeráronse moitos empregos no medio rural, no transporte e no porto exterior de Ferrol”.
A operación do buque correu a cargo da empresa estibadora Terminais Marítimos de Galicia ( TMGA), unha das máis importantes de Galicia. Esta carga supón un fito en Europa, dadas as dimensións do buque.
As sociedades exportadoras han contado desde o inicio co asesoramento e o financiamento do Banco Pastor para levar a cabo e xestionar con garantías esta operación.
Porto exterior de Ferrol
O porto exterior de Ferrol, con 20 metros de calado e 1.500 metros de peirao, permite estes embarques de grandes magnitudes. Ademais, esta operación pon en valor as magníficas condicións da infraestrutura que, unidas á boa situación xeográfica e as súas conexións terrestres por autoestrada, ofrece un gran servizo ao noroeste da península Ibérica para a exportación deste tipo de tráfico.
O sector forestal, cuxos produtos se enmarcan dentro da mercadoría xeral, que é a que maior valor engadido xera, é un dos máis importantes de Ferrol e A Mariña, e a exportación por vía marítima supón unha importante porta de saída para os seus productos.