PWR CAPITAL ENERGY SOLICITA IMPLANTARSE NO PORTO EXTERIOR DE FERROL CUNHA INSTALACIÓN FOTOVOLTAICA DE 20 MW DE POTENCIA
O proxecto, que xa superou o trámite de concorrencia competitiva, sométese a información pública antes da súa aprobación polo consello de administración da Autoridade Portuaria
A planta fornecerá enerxía renovable á comunidade portuaria dentro da iniciativa Faro da Enerxía Verde para a descarbonización da actividade
Ferrol, 18 de xuño de 2024
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao tramita a implantación do primeiro proxecto de enerxía renovable no porto exterior de Ferrol. Trátase da instalación dunha planta fotovoltaica de PWR Capital Energy que abastecerá á comunidade portuaria. O Boletín Oficial do Estado publica o anuncio do organismo portuario polo que se somete a información pública a solicitude de concesión presentada pola empresa para “xeración fotovoltaica no porto exterior de Ferrol”. Dáse así un novo paso para facer realidade esta instalación de enerxía verde que xa superou o trámite de competencia de proxectos sen que se recibiu ningunha outra solicitude durante o mesmo. Agora, os interesados contarán cun prazo de 20 días hábiles para presentar as alegacións. Unha vez superada esta fase, a solicitude de concesión presentada por PWR Capital Energy someterase á aprobación por parte do consello de administración da Autoridade Portuaria.
A instalación estará situada no noiro da montaña que bordea o porto exterior de Ferrol. Ocupará unha superficie total de 153.300 metros cadrados e terá unha capacidade de 20,02 Mw de potencia. Os 36.400 módulos da planta situaranse en distintas zonas: no propio noiro e na parte superior do mesmo. No caso da fase do noiro, ocupará unha área de 83.209 metros cadrados con capacidade de xerar 13,31 Mw de potencia. Na zona superior, a superficie será de 70.077 metros cadrados cunha capacidade de 6,7 Mw de potencia. PWR Capital Energy sitúa o inicio da obra no primeiro trimestre de 2025.
Aposta por enerxías limpas
A Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao tramita así un dos grandes proxectos que se inclúen na súa aposta polas enerxías renovables dentro da Axenda 2030. A planta de xeración fotovoltaica fornecería enerxía á comunidade portuaria en formato autoconsumo e permitirá dar un paso máis na descarbonización das dársenas ferrolás, optando por enerxías limpas.
A instalación inclúese dentro do proxecto Faro da Enerxía Verde para a implantación, combinando diferentes tecnoloxías, de potencia renovable e a subministración da enerxía producida a empresas vinculadas coa actividade nos seus peiraos e a contorna destes.
A Autoridade Portuaria promove así a creación dun verdadeiro ecosistema enerxético innovador, vector de descarbonización da economía e garantía de subministración a un prezo competitivo en alianza con empresas referentes do sector. O Faro da Enerxía Verde contará cun investimento superior aos 50 millóns de euros e permitirá evitar a emisión á atmosfera de máis de 36 mil toneladas de CO2 .