A cidadanía completa as 150 prazas habilitadas pola Autoridade Portuaria no “Rías Altas Un” para acompañar á imaxe da Virxe na súa travesía

Os actos comezarán ás 19.00 horas na capela do Arsenal para continuar o percorrido por mar onde se realizará a ofrenda floral

Ferrol, 14 de julio de 2026

Ferrol volverá celebrar a súa procesión marítima en honra á Virxe do Carmen. Unha celebración que a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao decidiu recuperar en 2022, coa colaboración da comunidade portuaria, e que se converteu xa nunha cita tradicional que cada ano concita a máis seguidores, tanto por mar como desde terra. Nesta ocasión serán preto de 400 persoas, nunhas 15 as embarcacións, que van acompañar a imaxe da Virxe na travesía que discorrerá pola ría de Ferrol. Unha desas embarcacións será o “Rías Altas Un”, o barco habilitado polo organismo portuario para que a cidadanía poida participar da celebración desde o mar. As 150 prazas completáronse en apenas uns días, mostrando así o interese que esperta esta celebración.

Os cidadáns acreditados para participar na travesía desde o “Rías Altas Un” deberán presentarse para o embarque ás 18.15 horas na dársena de Curuxeiras, concretamente na zona da Cortina. Será requisito imprescindible presentar DNI para poder acceder ao barco.

Os actos do día do Carmen comezarán, como xa é tradicional, coa procesión terrestre ás 19.00 horas coa saída desde a capela do Arsenal. Chegará á embarcación oficial, na a mesma dársena de Curuxeiras sobre as 19.15 horas. Ás 19.30 horas está previsto que comece a procesión marítima pola ría, que durará aproximadamente unha hora e incluirá a ofrenda floral, para volver a continuación ao porto de Ferrol. Desde aí, sobre as 20.30 horas, a imaxe da Virxe sairá de novo en procesión cara á igrexa da nosa Señora do Socorro.