Tallas de madeira recollida nas praias e debuxos en espellos utilizando material reciclado únense nunha nova exposición no porto de Ferrol

 O presidente da Autoridade Portuaria inaugura o luns a mostra que conmemora tamén o 45 aniversario do ascenso do OAR Ferrol e que poderá visitarse do 5 ao 14 maio

 Ferrol, 2 de maio de 2025

En maio de 1980 o OAR Ferrol ascendía á primeira división do baloncesto español. Agora, 45 anos despois, dous dos xogadores que formaron parte daquel momento, Emilio Beceiro e Miguel Loureiro, reúnense para conmemorar aquel feito histórico. E fano cunha exposición na Sala Curuxeiras na que recompilarán parte das obras artísticas que comezaron a crear, cada un por separado, tras deixar o baloncesto. O luns, 5 de maio, inaugúrase a mostra que estará aberta ao público ata o 14 de maio baixo o título “Encontro dous Trasgonautas de Emilio Beceiro cos Espelliños de Mighel Loureiro”.

A mostra supón un novo reencontro de dous compañeiros de equipo. Emilio Beceiro achega os seus “Trasgonautas”. Son vellas madeiras que o mar deixa nos areais e que el talla dándolles formas que lembran aos trasgos. Unha afección que xurdiu un día que estaba a limpar unha das praias próximas á súa casa en Cobas. Unha das súas netas sinalou un vello anaco de madeira e díxolle “parece un trasgo”. El recolleuna, fíxose coas ferramentas necesarias e comezou a tallala a pesar das dificultades que supón unha doenza que lle afecta á estabilidade das mans. A partir de aí comezou unha afección que continúa a día de hoxe. Ás obras púxolles un nome que simboliza o mar e os trasgos “Trasgonautas”.

Explícao Miguel Loureiro quen á súa vez achega os seus espellos. Pezas sobre as que recrea desde edificios como o Concello, ata xentes emblemáticas de Ferrol, escenas costumistas, debuxos inspirados nos de Castelao ou lugares tan simbólicos como “A Milla” onde se reunían os OARistas. “Todo é reciclado. Non hai ningún espello igual que outro e non hai ningún marco igual”, apunta. Para el, os espellos convertéronse nunha forma de expresión. Unha afección que comezou en 1982 e que lle serviu como contrapunto ás esixencias e a disciplina que lle requiría o feito de dedicarse á alta competición deportiva.

Así xurdiu a exposición

Miguel Loureiro explica que en outubro do ano pasado Emilio, “que ten unha gran memoria”, chamouno para lembrarlle aquela Liga do ascenso que ambos viviron como xogadores do OAR. Foi o momento no que descubriu os trasgos tallados en vellas madeiras arrastradas polo mar. “Faleille entón da posibilidade de facer unha exposición xuntos na Sala Curuxeiras, os seus trasgonautas e os meus espelliños”, explica. E a exposición finalmente chega, coincidindo coa conmemoración dos 45 anos do ascenso do equipo do que ambos formaron parte.

Somos autodidactas. Non somos profesionais. Pero ambos lle poñemos entusiasmo e paixón”. Agora o resultado queren compartilo con todos os que se acheguen a gozar desta exposición que o 5 de maio inaugúrase no porto de Ferrol. “Encontro dous Trasgonautas de Emilio Beceiro cos Espelliños de Mighel Loureiro”. O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, inaugurará a exposición ás 12:00 horas. Pola tarde haberá tamén actos conmemorativos con acompañamento musical para o público que se achegue a visitala. A exposición poderá verse na Sala Curuxeiras entre o 5 e o 14 de maio. O horario será de 12:00 a 13:30 e de 18:30 a 20:00 horas.