Os tráficos en Ferrol e San Cibrao consolidan a súa recuperación e alcanzan os 5,1 millóns de toneladas nos nove primeiros meses do ano
Entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2025 movéronse nas dársenas da Autoridade Portuaria 1,7 millóns de toneladas, un 11,7 % máis que no terceiro trimestre do exercicio anterior
A mercadoría xeral consolida a súa tendencia en positivo e rexistra un incremento do 45 % mentres os graneis líquidos estabilízanse e os sólidos amortecen a súa caída
Ferrol, 17 de outubro de 2025
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao pecha os nove primeiros meses do 2025 confirmando a paulatina recuperación dos tráficos iniciada no segundo trimestre do ano. Entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro, as empresas que operan nos peiraos dependentes do organismo portuario moveron un total de 5.129.501 toneladas. Unha cifra que practicamente iguala á do mesmo período do 2024, cando os tráficos alcanzaron as 5.180.002 toneladas. Este indicador confirma a previsión da Autoridade Portuaria de pechar este ano de transición con tráficos similares aos do exercicio anterior, nun contexto de descenso de movemento de mercadorías no sistema portuario nacional.
Esta progresiva recuperación consolidouse neste terceiro trimestre. Así, entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2025 movéronse nos peiraos de Ferrol e San Cibrao un total de 1.713.689 toneladas, o que supón un incremento dun 11,66 % con respecto ao mesmo período do ano anterior, cando o movemento rexistrado foi de 1.534.754 toneladas. Os meses de agosto e setembro foron especialmente favorables con incrementos do 38 % e o 18 % respetivamente en comparación aos mesmos meses do 2024. Unha circunstancia que permitiu paliar o descenso do 9,3 % de agosto.
A boa evolución da mercadoría xeral, cun crecemento do 45,01 % nos nove primeiros meses, tivo un peso importante no incremento rexistrado nos portos da Autoridade Portuaria. Ao 30 de setembro movéronse 725.586 toneladas fronte ás 500.364 do ano anterior. Os graneis líquidos estabilízanse e rexistran 1.747.487 toneladas, só 61.100 menos que no mesmo período do 2024. A materia pendente continúa sendo a dos graneis sólidos que seguen sufrindo a perda do carbón. Aínda que continúan en negativo, a caída amorteceuse neste último trimestre. Nos nove primeiros meses do ano, rexistrouse un movemento de 2.656.429 toneladas fronte ás 2.870.974 contabilizadas ao 30 de setembro do 2024. É dicir, un 7,47 % menos.
A terminal de contedores de Yilport tamén mantén a súa tendencia de crecemento tras un comezo de ano discreto. As 216.230 toneladas movidas nas súas instalacións supoñen un 118,3 % máis que as 99.020 dos nove primeiros meses do 2024. Se o medimos en TEU’s, o crecemento é do 101,04 % pasando dos 10.424 do ano pasado aos 20.958 do exercicio actual. A pesar dos bos resultados, desde a Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao apélase á cautela xa que se trata dun tráfico, o dos contedores, especialmente sensible ás fluctuacións do mercado e ao contexto xeopolítico internacional.
Os datos rexistrados ao 30 de setembro no conxunto dos portos dependentes da Autoridade Portuaria sinalan unha tendencia que confirmaría as previsións iniciais. “Unhas previsións que, desde a prudencia que require a situación económica actual, apuntan a que o 2025 pechará en termos similares aos do ano pasado. É, como xa advertimos, un ano de transición no que se están asentando as bases do porto do futuro no que o ferrocarril supoñerá un punto de inflexión. Aos poucos comezaremos a ver os resultados desta transformación”, explica o presidente do organismo portuario, Francisco Barea.