O movemento de mercadorías nas dársenas de Ferrol e San Cibrao aumentou en novembro algo máis dun 46 %. 

O incremento do último mes deixa no -8,8 % o balance global dun ano que arrincara con perdas de 30 a 37 puntos porcentuais . 

O bo comportamento dos tráficos de GNL e bauxita contribúe a paliar o cesamento das importacións de carbón. 

A pesar da crise, o Porto está a gañar en 2020 cota de mercado dentro da fachada noratlántica-cantábrica.

Ferrol, 2 de decembro de 2020

O tránsito de materias primas, materiais e produtos nas dársenas da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aumentou un 46,1 % este novembro en comparación co anterior. Trátase do maior repunte de actividade rexistrado dentro das instalacións en case dous anos, desde o +47,4 % de xaneiro de 2019. Grazas a esta engalaxe, o Porto continúa corrixindo o seu mal arranque de 2020 e ata gaña cota de mercado dentro da fachada noratlántica-cantábrica.

As empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron o mes pasado un total de 848.535 toneladas de mercadorías, segundo datos aínda provisionais. Esta cifra é superior en máis de 46 puntos porcentuais á anotada en novembro de 2019 (580.879), un aumento no que subxace o bo comportamento dos mercados do gas natural licuado e da bauxita. En termos interanuais, de feito, o GNL está a expandirse a un ritmo de récord.

Así, o balance global de 2020, exercicio que arrincara con perdas de entre o 29,8 e o 37,3 % durante o primeiro trimestre, sitúase actualmente nos 8,8 puntos porcentuais negativos. Ou sexa, a actividade nas dársenas de Ferrol e San Cibrao está a descender mesmo algo menos que no conxunto do sistema español. E iso é así a pesar de que esta Autoridade Portuaria non só ha de afrontar unha crise como as demais, a causada pola COVID-19, senón dúas, ao sumar aos efectos da pandemia o buraco ocasionado nas súas contas polo cesamento das importacións de carbón (2,15 millóns de toneladas en 2019 e 4,73 en 2018).

Estes números están a permitir ao Porto avanzar en relación co seu contexto. A estas alturas de 2019 achegaba á fachada noratlántica-cantábrica un 11,3 % dos seus tráficos, cando nestes momentos sostén preto dun 12. Pasa amplamente as cifras absolutas de Vilagarcía, Marín-Pontevedra, Pasaia, Avilés, Vigo e Santander, e practicamente iguala as da Coruña. Segue por detrás das de Xixón e Bilbao.

As estatísticas tamén indican que nos 11 primeiros meses do ano o tráfico de mercadorías nos peiraos de Ferrol e San Cibrao alcanzou os 9,32 millóns de toneladas, fronte aos 10,22 contabilizados nas mesmas datas de 2019, como mostra o gráfico que acompaña esta información. A clasificación desagregada de movementos lidéraa a bauxita, seguida polo GNL. Complétana nos seus postos altos a alúmina, o fueloil, os aceites, a sosa cáustica, a madeira, a chatarra, o biodiésel e o aceiro.

Entre os grandes tráficos, en termos relativos sobresaen as evolucións do GNL e do fueloil, con repuntes do 58,1 e o 29,6 %, respectivamente. Destacan así mesmo as subidas da bauxita (17,6 %), a alúmina (9,9 %), a sosa cáustica (9,1 %) e o biodiésel (8,5 %). No resto da desagregación da estiba e desestiba merecen mención os movementos de contedores, cun avance do 31 % se se miden en toneladas e do 48,8 % se se estiman en TEUs.

“Padecemos a crise global do coronavirus e a crise local do carbón, e cérnese sobre nós a ameaza da incerta evolución da industria electrointensiva. Con todo, resistimos mellor que o resto. Ademais, comezamos a ver tamén os froitos da política de diversificación de tráficos. Estou seguro de que están sentadas as bases para un futuro mellor”, valorou o presidente saínte da Autoridade Portuaria, José Manuel Vilariño.