Os peiraos da Autoridade Portuaria consolidan a recuperación de tráficos cun crecemento do 24% no primeiro trimestre de 2026
As empresas que operan nos portos de Ferrol e San Cibrao moveron 1,8 millóns de toneladas nos tres primeiros meses do ano fronte aos 1,4 millóns do mesmo período de 2025
Os graneis líquidos gañan peso e rexistran os mellores resultados cun incremento do 52%, mentres a mercancía xeral aumenta un 37% e os graneis sólidos arrincan o exercicio en positivo
Ferrol, 17 de abril de 2026
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao comezou o novo exercicio consolidando a tendencia á alza coa que finalizou o 2025. Así, nos tres primeiros meses deste ano, nos peiraos de Ferrol e San Cibrao movéronse un total de 1.794.797 toneladas fronte ás 1.447.714 do mesmo período do ano anterior, é dicir, 347.000 toneladas máis. Isto supón un crecemento do 23, 97% o que confirma unha recuperación dos tráficos nas dársenas do organismo portuario.
Este crecemento é especialmente significativo nos graneis líquidos que gañan peso no cómputo total. Entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo contabilizáronse 806.252 toneladas de graneis líquidos fronte aos 530.570 do mesmo período do 2025, o que supón un incremento do 51,96%. A mercancía xeral continúa tamén coa súa tendencia en positivo e creceu un 32,90% no primeiro trimestre do ano. En total, contabilizáronse nos portos de Ferrol e San Cibrao 212.928 toneladas, o que supón 52.713 máis que no primeiro trimestre de 2025. E en canto aos graneis sólidos comezan este exercicio en positivo cun crecemento do 2,47%, alcanzando as 775.616 toneladas no primeiro trimestre do ano fronte ás 756.929 do mesmo período do ano pasado.
O crecemento dos líquidos e unha maior estabilidade de Alcoa contribuíron en gran medida a que tanto os portos de Ferrol como o de San Cibrao arrinquen o novo exercicio en positivo, nun momento no que continúan as tensións xeopolíticas que inciden de xeito especial no transporte marítimo e, por tanto, no sistema portuario nacional. De feito, o mes de marzo os movementos no ámbito da Autoridade Portuaria víronse lixeiramente retardados. Unha situación que se viviu especialmente na terminal de contedores. Tras un comezo de ano cunha tendencia á alza, no mes de marzo baixou a súa actividade. Isto provocou que no total do primeiro trimestre movésense, na terminal de Yilport, 32.153 toneladas de mercancía fronte ás 38.970 do primeiro trimestre de 2025, un 17,49% menos. Se o medimos en TEUs, contabilizáronse nos tres primeiros meses do ano 2.554, un 36,24% menos que o mesmo período do 2025.
As previsións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao para este ano apuntan a que os tráficos se irán estabilizando para pechar en cifras lixeiramente superiores ás do 2025. Deste xeito, consolidaríase a base de tráfico dos nosos portos que se verá reforzada polas novas incorporacións, especialmente de líquidos, que comezarán a operar o próximo ano e a finalización das obras do ferrocarril. As perspectivas, por tanto, son positivas pero sempre apelando á prudencia que a actual situación internacional require, xa que a inestabilidade no ámbito xeopolítico está a afectar de forma directa ao transporte marítimo e ao comercio internacional.