O PRESIDENTE DA AUTORIDADE PORTUARIA RECIBE Á EMBAIXADORA DE IRLANDA EN ESPAÑA
Ferrol, 7 de xuño de 2021
• Indalecio Seijo e Síle Maguire analizaron as posibilidades de crecemento das relacións comerciais que vinculan á illa con Ferrol a través de Caneliñas
• Unha das liñas regulares da terminal de contedores de Yilport Ferrol e que está operada por Containerships une a cidade naval con Dublín e Cork
O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Indalecio Seijo, recibiu a visita institucional da embaixadora de Irlanda en España, Síle Maguire. No encontro tamén participou o cónsul xeral de Irlanda en Galicia, Tomás Antón Díaz do Río. Os tres analizaron as posiblidades de crecemento das relacións comerciais que unen á illa co porto de Ferrol a través de Caneliñas, onde a navieira Containerships mantén unha liña regular de carácter semanal entre a terminal de contedores de Yilport Ferrol e Dublín, e tamén de forma indirecta con Cork. Este servizo está aberto tanto a exportacións de España a Irlanda como a exportacións de Irlanda a España e é o único servizo destas características que hai en Galicia hoxe. O Brexit xerou novas oportunidades de incrementar este tráfico polas maiores dificultades que atopan as mercadorías para o seu transporte terrestres vía Reino Unido. Ademais dos contedores, o porto de Ferrol recibe cargamentos de chatarra desde Duldalk, Limerick e Galway. E desde Ferrol envíanse produtos siderúrxicos a Duldalk, Limerick e Galway. A reunión transcorreu nun ton moi cordial.