O PRESIDENTE DA AUTORIDADE PORTUARIA INICIA UNHA ROLDA DE VISITAS INSTITUCIONAIS DESPOIS DA SÚA TOMA DE POSESIÓN
Francisco Barea reúnese co almirante xefe do Arsenal de Ferrol
Ferrol, 27 de setembro de 2021
O novo presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao iniciou hoxe unha serie de entrevistas con responsables de institucións da zona. Francisco Barea visitou ao almirante xefe do Arsenal, Ignacio Frutos. Nos próximos días, a este encontro seguirán outros similares.
Na súa toma de posesión, o pasado día 17, Barea xa se marcara a meta de “tender pontes entre o Porto e a cidade”. “Este Porto -dixo entón- é un dos principais motores socioeconómicos desta cidade. É a porta de entrada máis importante a Ferrol, así o foi durante séculos e así debe seguir séndoo. Considero fundamental profundar nas relacións desta institución co Concello, coa Universidade, coa Armada, con Navantia… Tanto a Administración coa empresa como as distintas Administracións entre si han de dialogar e despregar unha acción conxunta ao servizo dos cidadáns. Só con ese esforzo compartido poderemos iniciar a transformación económica e social que Ferrol precisa”.