A Autoridade Portuaria e os veciños de Ferrol Vello suman ao Concello de Ferrol á organización das actividades que renden homenaxe ao persoal da frigorífica e rememoran a súa importancia para a cidade

“Ventos de Bacallau. PYSBE. De Ferrol a Terranova” celebrarase do 5 ao 7 de xullo e estrea unha páxina web participativa co obxectivo de recompilar material para a creación dun “Museo da xente do mar”

As xornadas completaranse cunha exposición, que se poderá visitar ata o día 14 na Sala Curuxeiras, que reúne máis dun centenar de fotografías e obxectos persoais relacionados coa factoría

Ferrol, 1 de xullo de 2024

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a Asociación de Veciños de Ferrol Vello e, por primeira vez, o Concello de Ferrol únense para celebrar a terceira edición das xornadas dedicadas á PYSBE. Trátase así de rememorar, por terceiro ano consecutivo, o que supuxo unha industria que marcou a historia da cidade e do porto desde a instalación, na primeira metade do século XX da empresa Pesqueiras e Secaderos de Bacalo. As xornadas “Ventos de Bacallau. PYSBE. De Ferrol a Terranova” que se celebrarán do 5 ao 7 de xullo e que se complementarán cunha exposición que estará aberta ao público ata o día 14 na Sala Curuxeiras.

O director da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Jesús Casás; o concelleiro de Festas do Concello de Ferrol, Arán López; a presidenta da Asociación de Veciños de Ferrol Vello, María José Peñiza, e o portavoz da comisión organizadora, Emilio Romero foron os encargados de explicar os actos e os obxectivos deste programa de homenaxe á frigorífica, aos seus traballadores e traballa douras e a todas aquelas persoas ligadas ao mundo da pesca e do mar.

As xornadas contarán cunha parte cultural e documental, outra gastronómica e unha terceira musical. Comezarán este venres coa apertura ao público da exposición “A industria do bacallau non porto de Ferrol PYSBE e PEBSA” na Sala Curuxeiras. Nese mesmo lugar desenvolverase unha mesa redonda con coloquio. Nela, a antropóloga e profesora na Universidade do País Vasco e membro do Museo do Pobo Galego, Rosa García Orellán, protagonizará unha intervención co título de “Rumbo ao gran Banco de Terranova 1926-2004”. Pola súa banda, Guillermo Díaz-Agras, xefe da Estación de Bioloxía da Graña profundará na biodiversidade na ría de Ferrol.

O sábado, 6 de xullo, comezará a parte gastronómica das xornadas que se trasladarán á carpa instalada onde se situaba a frigorífica. Alí celebrarase a partir das 18:00 horas un taller culinario-literario e unha cata-maridaxe. O domingo, 7 de xullo, celebrarase a comida popular na que se poderán degustar as fabas de cocochas de bacallau e o bacallau con patacas á rioxana. A fin de semana haberá tamén actuacións musicais para completar a xornada.

Unha exposición “emocional” e unha web para render homenaxe á xente do mar As xornadas completaranse coa exposición “A industria do bacallao non porto de Ferrol: PYSBE e PESBA”. Unha mostra na que se recreará a historia das dúas empresas que ao longo do século XX foron a base para o desenvolvemento empresarial de Ferrol e para o benestar económico de moitas familias. Trátase dunha mostra que ten un marcado carácter emocional xa que unha parte importante das fotografías e dos obxectos que se expoñerán, foron cedidos por particulares, familiares de persoas que traballaron na industria do bacallau e que quixeron compartir coa cidadanía os seus recordos.

A exposición recolle máis dun centenar de imaxes, así como obxectos da época que achegaron moitos cidadáns: coitelos feitos polos propios traballadores, cartillas de navegación, libros de receitas e ata un mandil orixinal cedido pola filla dunha das mulleres da PYSBE. A mostra poderá visitarse do 5 ao 14 de xullo na Sala Curuxeiras, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

Ademais, os veciños de Ferrol Vello crearon unha páxina web (http://ventosdebacallau.gal) dedicada ás xornadas coa que pretenden manter viva a historia da industria do mar e de todas as persoas que formaron parte dela. Unha iniciativa coa que tamén buscan seguir enriquecendo este patrimonio da historia mariñeira recompilando novas imaxes da época. Trátase dunha web participativa coa que os veciños de Ferrol Vello queren impulsar a creación do “Museo da xente do mar” para render homenaxe a todas as persoas que contribuíron ao desenvolvemento de Ferrol a través da industria relacionada co mar.

Unha historia compartida

O director da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Jesús Casás, quixo destacar durante a súa intervención a importancia de manter viva a nosa historia con iniciativas como estas xornadas que seguirán contando co apoio do organismo portuario. Casás quixo agradecer aos organizadores, tanto ao Concello de Ferrol que se suma a esta iniciativa, como aos veciños de Ferrol Vello a súa implicación, traballo e dedicación para dar a coñecer con este evento “unha parte fundamental da historia da cidade e do noso porto”. Tamén agradeceu a implicación das institucións e dos particulares que cederon o material que, xunto co arquivo da Autoridade Portuaria, recompílase na mostra desta edición. “O noso porto converterase nos próximos días nun punto de encontro para a cidadanía e afianzará a relación porto-cidade mostrando unha parte da nosa historia compartida”, apuntou o director da APFSC.

Jesús Casás incidiu en que estas xornadas son un claro exemplo do que busca a liña estratéxica Porto-Ciudad: “poñer ás persoas no centro das actuacións, porque son as persoas as que fan a cidade, as que fan o porto e as que constrúen a nosa historia”, concluíu.