O GNL consolídase como o primeiro tráfico da Autoridade Portuaria, con 2,1 millóns de toneladas movidas nos últimos doce meses, e a mercadoría xeral crece ata situarse preto do millón de toneladas

A paralización de Alcoa lastra os resultados de San Cibrao que cae un 53,3 % e queda nos 2,4 millóns de toneladas fronte aos 5,4 do ano pasado

Ferrol, 15 de xaneiro de 2024

O Porto de Ferrol consolida os seus tráficos na contorna dos 6 millóns de toneladas nun contexto xeral marcado por unha contracción do movemento de mercadorías no sistema portuario español. Unha situación provocada, en gran medida, pola retardación do comercio a nivel mundial que se viu agravada nos últimos dous meses. As dársenas ferrolás moveron no último ano 5.906.802 toneladas. Trátase do segundo mellor resultado do últimos cinco anos, só superada as 6.369.183 toneladas de 2022, un ano especialmente destacado. Son 462.000 toneladas menos que o exercicio anterior, aínda que mellora os rexistros de 2021(4.159.634), 2020 (3.918.937) e 2019 (5.658.390) demostrando así que a incorporación de novos tráficos e o impulso á terminal de contedores permitiron superar a dependencia do carbón.

En canto aos tipos de tráficos, é destacable o bo comportamento da mercadoría xeral que creceu un 3,05 % desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro alcanzando as 992.769 toneladas nas dársenas ferrolás fronte ás 963.362 do ano anterior. Un dato especialmente significativo xa que a nivel estatal a mercadoría xeral cae no conxunto dos portos un 3,2 %. Os graneis líquidos, pola súa banda, contabilizaron nos portos da cidade naval 3.542.345 toneladas fronte ás 3.733.413 do 2022 e os graneis sólidos pasan dos 1,6 millóns de toneladas en 2022 a 1,3 millóns este ano. Os datos reflicten a estabilidade de Ferrol nun contexto de caída xeneralizada no conxunto do sistema portuario nacional. Con datos consolidados ao 30 de novembro de 2023, o conxunto dos portos estatais moveu un 3 % menos que o exercicio anterior e que afecta a todos os tipos de mercadorías, incluída a contenerizada. A nivel estatal o tráfico de contedores descendera nos 11 primeiros meses do ano un 5,3 % se o medidos en toneladas, e un 5,2 % en TEU.

Con todo, mentres os peiraos da ría de Ferrol resisten a conxuntura actual, a situación na Mariña é moi diferente. A paralización de Alcoa está a lastrar de maneira significativa os resultados de San Cibrao. Ao 31 de decembro a caída foi dun 53,34 % con respecto ao mesmo período do exercicio anterior, unha redución que afecta a todos os tipos de tráficos. Pasouse dos 5,4 millóns de toneladas en 2022 a 2,5 millóns movidas ao longo do último ano. Son 2,9 millóns de toneladas menos. queda, por tanto, moi por baixo dos resultados que historicamente viña rexistrando e que chegaron a alcanzar un récord de 6,1 millóns de toneladas movidas en 2020. Esta caída afecta o cómputo xeral da Autoridade Portuaria. Con datos aínda provisionais, as empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro un total de 8.436.930 toneladas de mercadorías fronte ás 11.791.828 consignadas nas mesmas datas de 2022. Por tipo de mercadoría, a desagregación lanza que o tránsito de graneis líquidos alcanzou as 3.641.604 toneladas (-7,98 %); o de sólidos, as 3.800.842 (-44,57 %); e o de mercadoría xeral, as 994.482, o que supón un incremento do 1,69 %.

A clasificación lidérao o GNL que se consolida como o primeiro tráfico da Autoridade Portuaria. No último ano aumentou 20,10 % chegando a 2.100.376 toneladas. O segundo lugar ocúpao a bauxita con 1.653.616 toneladas no pasado exercicio fronte aos 3.825.422 do 2022. É dicir, cunha caída do 56,77 %. A clasificación complétana o fuel oil (954.611toneladas), o carbón (841.491), a alúmina (775.539), a madeira (399.432) e os aceites (295.818). A mercadoría contenerizada, pola súa banda, alcanzou as 304.983 toneladas (25.395 TEU). Trátase do segundo mellor dato desde que Yilport fíxose cargo da terminal de Caneliñas, só superado polas 411.648 toneladas (37.100 TEU) do 2022 e moi por encima das 161.326 toneladas (16.844 TEU) do 2021.

“Os datos confirman unha consolidación dos tráficos que se moven na ría de Ferrol. A pesar de que foi un período complicado polo contexto internacional e a retardación do comercio, en Ferrol conseguimos manternos preto dos seis millóns de toneladas. É un rexistro destacable xa que a excepción do ano pasado, que foi moi bo, é unha cifra que non se daba desde que a central das Pontes estaba a pleno rendemento. Iso lévanos, unha vez máis, a confirmar que superamos a dependencia do carbón e que o traballo para a incorporación de novos tráficos fortalecen as capacidades do porto de Ferrol. En calquera caso, non podemos confiarnos e volvemos ser cautelosos porque a situación actual demóstranos unha vez máis que a tendencia pode cambiar en calquera momento pola incerteza que vivimos no ámbito internacional. Desde a Autoridade portuaria seguiremos traballando para abrir novas liñas de negocio e novas oportunidades de desenvolvemento. A maior preocupación céntrase en San Cibrao e no futuro de Alcoa do que estaremos moi pendentes polo impacto que ten tanto no porto como na economía da Mariña”, explica o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea.