O PORTO DE FERROL RECUPERA O TRÁFICO
O « Artania» foi o primeiro buque de pasaxeiros en facer escala na urbe naval tras o fin das restricións para combater o coronavirus.
Ferrol, 14 de setembro de 2021
Ata esta mañá, o Spirit of Discovery era o último cruceiro en atracar no peirao de Curuxeiras. Fíxoo o 12 de marzo de 2020. Pouco despois a pandemia obrigou a restrinxir o tráfico de pasaxeiros e as chegadas ao Porto de Ferrol interrompéronse de forma repentina. Hoxe, un ano e medio máis tarde, o Artania, un buque con 230 metros de eslora e capacidade para un milleiro de persoas, recuperou as escalas das navieiras de lecer na cidade. Os protocolos de seguridade sanitaria reduciron a tripulación do barco e da pasaxe, que se agrupa de maneira que sexa sinxelo illar a posibles positivos.
Nun dos primeiros actos tras a súa designación para o cargo, o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, visitou ao capitán do Artania.
Esta mesma semana hai previstas dúas escalas máis. O xoves 16 tocaralle a quenda ao MSC Virtuosa, de 331 metros de eslora; e o venres, ao Amera, de 205.