O porto de Ferrol reafirma o seu papel estratéxico na industria da eólica mariña coa primeira operación de descarga de monopiles XXL
Un amplo dispositivo loxístico culminou con éxito a manobra para desembarcar as tres primeiras pezas de ata 86 metros de lonxitude e 2.100 toneladas de peso
As condicións estratéxicas das dársenas da Autoridade Portuaria e a especialización das empresas determinaron a elección de Ferrol como porto intermedio
Ferrol, 8 de maio de 2025
O Porto de Ferrol dá un paso máis no seu obxectivo de consolidar o hub da eólica mariña ao ser elixido como porto intermedio para unha operación especial de descarga de monopiles XXL realizada por primeira vez en España. A operación, que se desenvolverá de maio a xullo, consiste na descarga sucesiva de 10 pezas trasladadas en 3 buques, e a súa carga secuencial en 4 embarques para a illa de Ronne, en Dinamarca. Trátase dunha actuación especialmente complexa que require a participación de distintas empresas e servizos portuarios, así como de maquinaria especializada. Na operación móvense pezas de entre 79,6 e 86 metros de lonxitude e cun peso que vai desde as 1.600 ata as 2.100 toneladas.
A primeira descarga, que se prolongou durante tres días, culminou con éxito. Entre o luns e o mércores descargáronse os tres monopiles XXL que chegaron no primeiro dos buques que se atracou no porto exterior recibindo alí servizos durante varios días. Desde alí trasladouse ao peirao do Cerramento Norte do porto interior onde se executou a operación. Trátase dunha actuación especialmente complexa que requiriu un mes de planificación da Autoridade Portuaria con Navantia, Noatum Logistics, Marítima Consiflet, Pérez Torres, prácticos, remolcadores e amarradores do porto de Ferrol, e a empresa de maquinaria especializada en cargas ultrapesadas Mammoet. Durante os próximos meses está previsto realizar as dúas fases seguintes da operación coas sete pezas restantes.
A especialización do porto, decisiva na súa elección
A operación de descarga de monopiles XXL supón un reto loxístico e require unhas condicións específicas para a súa realización. Ferrol foi elixido como porto intermedio polas súas vantaxosas condicións de abrigo, calado e áreas de provisión, tanto no porto exterior como no interior, así como pola experiencia e especialización das empresas portuarias que interveñen.
Esta nova actuación no ámbito da eólica mariña súmase á realizada no porto exterior en 2019-2020 coa primeira operación no mundo de integración dun parque eólico flotante co consorcio Windplus. Isto, unido ás concesións outorgadas a WindWaves e Proinlosa, para a fabricación e ensamblaxe de pezas, dan un impulso ao obxectivo de desenvolver o hub de eólica mariña que supoñerá unha actividade de gran valor engadido, tanto para o porto como para a comarca de Ferrolterra.
Unha oportunidade de futuro
A industria española, e en concreto a comarca de Ferrol e o seu porto, afronta unha oportunidade única para consolidarse como un dos principais centros de produción para a industria eólica mariña. Para iso é fundamental a colaboración público-privada para traccionar os grandes investimentos para o desenvolvemento das infraestruturas e os necesarios servizos loxísticos especializados asociados.
Neste sentido Noatum Logistics resalta que o porto e as empresas loxísticas deben traballar conxuntamente para afrontar os retos industriais e loxísticos que presenta a industria. Incide en que dita colaboración debe entenderse baixo un enfoque de industria colaborativa co obxectivo de fomentar alianzas, tanto entre empresas españolas, como sumando a experiencia e capacidades de compañías especialistas a nivel internacional.