Unha zona do peirao Fernández Ladrea conta xa cun formigón permeable que evita o vertido libre ao mar de augas de escorrentía.

Esta é a primeira aplicación do proxecto Life DrainRain, que tamén inclúe un sistema de purificación e almacenamento.

 

Ferrol, 4 de xuño de 2019

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao instalou no peirao Fernández Ladreda un moderno sistema de drenaxe de augas. Este proxecto forma parte da iniciativa Life DrainRain, a cal persigue a purificación de augas de escorrentía de zonas pavimentadas a través de métodos innovadores e economicamente viables.

A execución deste primeiro piloto do proxecto empezou en febreiro e levouse a cabo nunha área de 1.200 metros cadrados no porto interior de Ferrol. O principal obxectivo desta obra é evitar o vertido libre ao mar de augas contaminadas. Para iso, pavimentouse a parte interna do peirao Fernández Ladreda cun formigón poroso que funcionará como o primeiro elemento de drenaxe. Tamén se construíu un sistema para o tratamento da auga e un tanque de almacenamento para poder gardala por se fose necesario o seu uso.

Estas obras executáronse baixo o paraugas dun consorcio do que forma parte a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao xunto con Proyfe, Copasa, o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) e CYE Control y Estudios. O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, dentro do Programa de Medio Ambiente e Acción polo Clima (LIFE).

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, mañá a sala de exposicións da Autoridade Portuaria acollerá un seminario técnico que, no marco do proxecto Life DrainRain, transcorrerá baixo o título de Sostenibilidade e medio ambiente no tratamento de augas. A xornada concluirá cunha visita á zona de Fernández Ladreda dotada do referido pavimento anticontaminación.